“Querida Montserrat, Querido Luciano”, celebrarase o martes, 20 de agosto, con entrada de balde. A segunda xeración reúnese para recordar aos seus familiares, e así Montserrat Martí Caballé cantará á súa nai e Simona Todaro Pavarotti cantará ao seu tío.
O Concello de Poio e a Deputación de Pontevedra traen ao Mosteiro de San Xoán un concerto lírico para render homenaxe a dúas das grandes figuras da ópera mundial de todos os tempos, Montserrat Caballé e Luciano Pavarotti. Será o martes, 20 de agosto, ás 21.00 horas, con entrada de balde.
“Querida Montserrat, Querido Luciano” é un espectáculo lírico que rende unha homenaxe chea de cariño, respecto e admiración por dous grandes da música. Hoxe será a segunda xeración a que se reúne para recordar aos seus familiares, e así Montserrat Martí Caballé cantará á súa nai e Simona Todaro Pavarotti cantará ao seu tío. Como artistas convidados estarán o barítono zamorano Luis Santana e a soprano lixeira Dolores Crespo Abuin, e Víctor Carbajo ao piano.
O alcalde, Ángel Moldes, que presentou o recital xunto cos concelleiros de Cultura, Natalia Sabarís, e de Eventos e Festexos, Fran Dasilva, sinala que “é unha oportunidade para gozar dunha experiencia musical única, un concerto lírico de gran calidade, cun repertorio moi ben seleccionado de dous grandes da música e nun espazo inmellorable, como é o Mosteiro de San Xoán. Unha proposta atractiva para os sentidos e para os amantes da ópera e da música clásica”.
Interpretarán fragmentos de coñecidas óperas, zarzuelas e cancións napolitanas nunha gran velada onde non faltarán pezas emblemáticas como Caruso, O Sole Mío, O Barbeiro de Sevilla ou Nessum Dorma, entre outras.