Un informe xurídico confirma que o Concello de Poio contou con todas as autorizacións necesarias para celebrar o Entroido

06/04/2026

Natalia Sabarís deu conta deste documento no pleno desta semana, e agradeceu ás comparsas, agrupacións e participantes a confianza amosada á organización do evento. Lamenta que en lugar de solicitar a documentación que había no expediente, a oposición intentase boicotear a saída do Desfile de Campelo. Destaca a profesionalidade dos técnicos municipais na organización do evento.

O Concello de Poio contou con todos os permisos e autorizacións necesarias para celebrar o seu Entroido. Así se desprende do informe xurídico feito público esta semana pola concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, “para poñer fin a mentiras, bulos e falsas alarmas aos que recorre a oposición cada vez que en Poio hai un evento ou unha festa”.

Sabarís explicou durante a sesión plenaria deste mes que solicitou un informe xurídico “co obxectivo de aclarar calquera dúbida sobre a tramitación do evento” e deixar claro que “o Concello de Poio tiña todos os permisos necesarios”. O informe conclúe, tras unha “análise exhaustiva” de toda a documentación incluída no expediente, que o Concello tiña competencia para autorizar, controlar e inspeccionar a actividade, ao actuar como entidade organizadora, de acordo coa Lei 10/2017, de 27 de decembro, de espectáculos públicos e actividades recreativas de Galicia.

Este informe recolle tamén o Plan de Autoprotección do Desfile de Entroido 2026, e constata que “está redactado por riba dos requirimentos mínimos establecidos na normativa en varios puntos, ao ser unha festa popular e aberta ao público. Este compromiso se toma por parte do Concello de Poio como unha imposición en beneficio da seguridade cidadá”.

Neste contexto, dado que implica a utilización de vías de uso público abertas ao tráfico e circulación de vehículos ocupando calzada ou arcén motivou a emisión dunha Resolución pola Xefatura Provincial de Tráfico de Pontevedra con data 24/02/2026. Nesta resolución indentifícanse as condicións xerais da ocupación da vía, os percorridos, os elementos e participantes, o control e orde do evento, os medios materiais para o control e orde e os requisitos dos participantes e os seus condutores.

O mesmo informe indica que no expediente consta, ademais, a presentación da Declaración responsable para a habilitación de persoal auxiliar de vixilancia e control de actividades, polo que se aproba o Regulamento Xeral de Circulación.

Por último, a concelleira agradeceu ás comparsas, agrupacións e participantes a confianza amosada á organización do evento “fronte aos bulos” e lamentou que a oposición “intentase boicotear a saída do Desfile de Campelo en lugar de solicitar a documentación que había no expediente”. Ademais, destacou a profesionalidade de todos os técnicos municipais que traballaron na organización do Entroido de Poio.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio