Destinado para a rapazada de 6 a 17 anos, as inscricións xa están abertas en xuventude@concellopoio.org.
O Concello de Poio pon en marcha este ano un Campamento de Nadal centrado na Saúde Dixital, unha iniciativa totalmente gratuíta para as familias, en colaboración coa Xunta de Galicia. Este Campamento de Nadal está destinado para rapaces e rapazas de entre 6 6 17 anos. O programa, ademais de ofrecer unha formación actual e útil sobre o uso seguro da tecnoloxía, contribuirá a facilitar a conciliación das familias durante as vacacións escolares.
O campamento desenvolverase na Casa Rosada, de luns a venres entre o 22 de decembro e o 7 de xaneiro, en horario de 9:00 a 14:00 horas (agás os días 24 e 31, así como os festivos), e permitirá aos participantes adentrarse no uso seguro da tecnoloxía.
Neste senso, a actividade contará con dinámicas e obradoiros prácticos dirixidos por profesionais especializados, cun contido adaptado ás distintas franxas de idade. Entre as accións formativas inclúense ciberdefensa, con técnicas básicas para crear un “escudo” persoal na rede; Level Up, para fomentar un uso responsable dos videoxogos e da tecnoloxía na vida diaria; tecnoloxía segura, para aproveitar ao máximo os dispositivos dixitais de xeito eficaz e sen riscos; e competencias dixitais básicas, con ferramentas esenciais para o estudo e o ocio. Dentro destas accións, incidirán tamén en cuestións prácticas como a identidade dixital e a privacidade, na pisada dixital nas redes sociais, identificar o acoso na rede e saber como actuar ante o bullyng, controlar o tempo de uso de dispositivos para controlar a adicción, ideas para xogar en familia, seguridade nas partidas en liña, entre outros.
Estableceranse dous grupos en función das idades dos participantes: de 6 a 11 anos e de 12 a 17 anos. As persoas interesadas poden formalizar a inscrición a través do correo electrónico xuventude@concellopoio.org.