Ángel Moldes: “nace con moita ilusión, para apoiar a todas esas mozas e mozos que hai en Poio con gran talento nunha das súas paixóns, que é a música”.
Poio Sesións é a aposta nova do Concello para apoiar a creación musical emerxente no municipio, unha iniciativa que vai permitir acelerar proxectos e amplificar xéneros en galego entre bandas de persoas mozas non profesionais. Esta mañá, o alcalde, Ángel Moldes, a concelleira de Cultura, Natalia Sabarís, e os mozos e mozas participantes presentaron este proxecto en Raxó, que xa arrancou estes días cos primeiros ensaios e, ata finais de ano, inclúe a produción e gravación de cancións inéditas en galego, así como de pezas audiovisuais e un concerto en directo no Nadal.
Ángel Moldes recoñeceu que “é un proxecto que nace con moita ilusión, para apoiar a todas esas mozas e mozos que hai en Poio con gran talento nunha das súas paixóns, que é a música”.
Nesta primeira edición participan tres bandas: de música rock, con nove integrantes; música folk, integrada por dez mozos e mozas; e urbana, con cinco compoñentes. En total, participan 24 rapaces e rapazas que van recibir asesoramento e formación gratuíta da man de profesionais.
As tres bandas xa están ensaiando nos espazos municipais, e este sábado terán as primeiras sesións de produción musical no Centro Cultural Xaime Illa. Nas próximas semanas comezarán a edición e gravación de maquetas en formato MP3 e dun vídeo promocional, que gravarán polos espazos máis emblemáticos de Poio. Por último, organizarase un concerto, a final de ano, para que o público poida disfrutar en directo do resultado deste traballo.
“Creo que é unha aposta innovadora e diferente. Unha oportunidade real para a xente moza, un proxecto que confía no seu talento e que lle vai ofrecer todas as ferramentas necesarias para que poidan debutar. Unha oportunidade e experiencia á man de moi poucas persoas, que confiamos saiban aproveitar”, salientou o alcalde.