“Teatreirxs”, a nova proposta cultural do Concello de Poio para a rapazada de 8 a 12 anos

27/05/2025

Trátase dun campamento teatral, na que os participantes crearán a súa propia compañía para representar “Os veños non deben de Namorarse”, de Castelao.

“Teatreirxs” é a nova proposta do Concello de Poio para a rapazada de 8 a 12 anos do municipio, un campamento para coñecer como funciona o teatro máis alá da interpretación e dos xogos teatrais.

Segundo explica a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, “en realidade o teatro é moito máis, por iso queremos que as nenas e os nenos coñezan o que implica formar parte desta disciplina artística creando a súa propia compañía teatral, na que haberá tempo para interpretar, crear, xogar, improvisar, imaxinar e expresar”.

Este campamento teatral programarase a finais de xuño, do 23 ao 27 de xuño, coincidindo co final do curso escolar. Ademais, co gallo do 75 aniversario do cabodano de Alfonso R. Castelao, a obra que representarán será “Os vellos non deben de namorarse”.

Un dos principais obxectivos desta actividade é empregar o teatro como vehículo de comunicación, socialización e expresión en galego. A actividade abórdase de xeito transversal, desde unha metodoloxía relaxada e próxima, coidando que nenos e nenas estean o máis a gusto posible; pero tamén participativa, na que a rapazada teña que tomar as súas propias decisións e achegar ideas, fomentando entre todas e todos un espazo de convivencia en igualdade e respecto, crecendo en habilidades sociais.

O campamento, para o que se abrirán as inscricións a mediados de xuño, inclúe cinco sesións. Na primeira, os participantes presentaranse a través de xogos de expresión corporal e de dramatización. Ademais, traballarán a creatividade e a espontaneidade, lerán guións e profundizarán en conceptos como compañía teatral e equipos técnicos e artísticos, para que cada persoa escolla o rol e as súas funcións ao longo do campamento.

A segunda sesión será na que se dea lectura ao guión escollido, con achega de ideas e división de traballos a nivel de escenografía, vestiario e maquillaxe. O terceiro día comezarán os ensaios para o equipo artístico, mentres que o equipo técnico deberá fabricar a escenografía e o vestiario. O penúltimo día será o dos ensaios xerais e proba de vestiario e maquillaxe, así como deseño do cartaz e promoción da obra para rematar, na última sesión, coa representación aberta ao público.

Leucoíña Pasea desenvolverá esta actividade, que está cofinanciada entre o Concello de Poio e a Deputación de Pontevedra, dentro das axudas provinciais para promover, fomentar e difundir as actividades encamiñadas á dinamización da lingua galega.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio