Rocío Cochón destaca que a terceira edición do certame de tapas conta xa con máis establecementos que en anos anteriores pero anima a todo o sector a inscribirse antes do 31 de marzo e “amosar máis que nunca toda a calidade e variedade da nosa gastronomía”.
O Concello de Poio celebrou este luns no Casal de Ferreirós a súa tradicional reunión de traballo coa hostalaría e a restauración locais antes de Semana Santa, coa participación de máis de vinte representantes do sector. O encontro serviu para reforzar aínda máis o compromiso do Goberno local cunha actividade que a concelleira de Turismo e Urbanismo, Rocío Cochón, cualificou de “motor económico e turístico” do municipio.
Durante a xuntanza púxose de manifesto o peso estratéxico da hostalaría en Poio e a evolución positiva, en paralelo ao crecemento da oferta turística e de aloxamento do municipio. A edil agradeceu o esforzo destes profesionais, e celebrou o dinamismo do sector, coa participación de representantes de distintas tipoloxías, de todas as parroquias e establecementos consolidados xunto a locais recén abertos.
Un dos puntos centrais da xuntanza foi a organización da terceira edición do certame gastronómico de Poio, TapeaPoio 2026, que se celebrará do 1 ao 17 de maio. A iniciativa estase a consolidar como unha cita clave da primavera gastronómica en Galicia e continúa a medrar tras o éxito das edicións anteriores.
Cochón explicou que a día de hoxe o certame xa conta con máis establecementos confirmados que a pasada edición -na que tomaron parte 20 locais-, polo que TapeaPoio suporá xa un récord de participación. Con todo, destacou que o prazo de inscrición remata o 31 de marzo, polo que animou a todos os hostaleiros a apuntarse e “amosar máis que nunca toda a calidade e a variedade da nosa gastronomía”.
Novamente, os restaurantes inscritos ofrecerán as súas creacións en dúas modalidades -tradicional e/ou creativa- a un prezo único de 4 euros, e poderán optar a premios á mellor tapa outorgados polo público e por un xurado experto. Así mesmo, as persoas que degusten e voten a súa tapa favorita tamén poderán optar a premios, aportados por empresas locais. Na pasada edición, o valor dos premios foi de máis de 7.500 euros, unha cifra que espera superarse en 2026.
Cochón amosouse moi satisfeita pola acollida dunha iniciativa que ten como principal obxectivo dinamizar a actividade fóra de tempada, poñer en valor a calidade e variedade da oferta gastronómica de Poio e o traballo e talento dos nosos restauradores”. Por ese motivo, indicou, o certame volverá ter como colofón a Gala da Hostalaría de Poio, “para homenaxear e celebrar aos grandes profesionais que fan de Poio o referente gastronómico das Rías Baixas e máis alá”.
PARTICIPACIÓN NOUTRAS INICIATIVAS PARA DESESTACIONALIZAR O TURISMO
A maiores, Cochón tamén convidou a participar nas Xornadas Gastronómicas da Ameixa e outras iniciativas que se celebrarán en setembro e outubro para complementar e poñer en valor a Ameixa de Campelo, a II Xornada de Emprendemento no Camiño e outras actuacións directamente relacionadas co turismo.
Ademais, durante o encontro trasladouse ao sector a importancia de aproveitar o impulso de distintas modalidades turísticas que están a gañar peso no municipio. Entre elas, o turismo xacobeo, que xa se sitúa como un dos principais fluxos de visitantes con forte presenza internacional. Neste ámbito, o Cochón resaltou a posta en marcha do Punto de Atención ao Peregrino -un innovador tótem interactivo multilingüe- que permitirá achegar a oferta gastronómica do municipio ás máis de 40.000 persoas que percorren as variantes xacobeas que pasan por Poio, de forma detallada e no seu idioma.
Do mesmo xeito, puxéronse en valor iniciativas como o Nadal en Poio, que está a ofrecer resultados moi positivos tamén para os establecementos hosteleiros, atraendo visitantes, xerando actividade económica e contribuíndo á desestacionalización, posicionando o municipio como un destino atractivo tamén nos meses de inverno. Neste sentido, destacouse tamén o crecemento doutros segmentos como o turismo náutico, no que Poio é líder da provincia en embarcacións en tránsito.
A reunión serviu tamén para abordar outras liñas de traballo que o concello leva a cabo de forma transversal, como as actuacións de obras e servizos, promoción económica, festexos ou cultura, cun forte impacto positivo na actividade hostaleira. Cochón quixo destacar, entre outras, a fase moi avanzada da Ordenanza de Terrazas, que se presentará e aprobará este ano, e puxo a disposición do sector o portal de emprego do Concello de Poio, para paliar unha das principais problemáticas da hostalaría e a restaruración como a falla de man de obra: “O servizo que ofrece a Concellería de Promoción Económica é unha verdadeira axuda para moitos negocios de dentro e fóra do Concello e animamos a utilizalo”.
Por outra banda, persoal técnico da concellería trasladou información sobre as últimas liñas de axudas das distintas administracións para establecementos de hostalaría, recordando que o Departamento está á disposición para axudarlles a aproveitar o máximo todas as oportunidades.
Finalmente, Cochón reafirmou a vontade do Goberno local de seguir traballando “da man dos profesionais da hostalaría e da restauración, como colectivo cun papel fundamental na economía pero tamén na proxección da imaxe de Poio como destino turístico de calidade”.
“A porta do Concello sempre está aberta a todos os que fan que Poio sexa un lugar mellor para vivir, para traballar ou para visitar, e iso, naturalmente, inclúe aos empresarios e profesionais da hostalaría”, subliñou Cochón.
“Ninguén coñece mellor o seu sector, o seu negocio, as súas necesidades que os propios hostaleiros e restauradores de Poio, e por iso queremos escoitar e levar a cabo as súas propostas. Estar ao seu carón para garantir que Poio siga a ter unha hostalaría e unha restauración líderes que nos fan un Concello líder”, concluíu.