Sofía García, Eva Rivas, Samuel Cochón, Aitana Martínez e Cristóbal Miranda gañan o concurso de tarxetas de Nadal

03/12/2024

A asociación Leucoíña, coa colaboración do Concello, organiza un Mercadiño na Praza da Chousa, en Combarro. Este sábado chega a Poio o espectáculo infantil de Juan D e Beatriz, presentadores de Clan TV.

O concurso de tarxetas de Nadal organizado polo Concello de Poio xa ten gañadores. Os cinco debuxos seleccionados, un por cada parroquia, son de Sofía García Torres, 14 anos e de San Xoán; Eva Rivas Torres, 11 anos e de San Salvador; Samuel Cochón Alonso, 14 anos, de Combarro; Aitana Martínez Alonso, 10 anos, de Samieira; e Cristóbal Miranda Fernández, 4 anos e de Raxó. Destas cinco, a tarxeta que vai ser utilizada polo Concello de Poio para enviar a súa felicitación institucional de Nadal será a de Sofia García.

Así o decidiu o Consello Municipal de Cultura, do que forman parte membros da corporación e representantes das asociacións SCD de Raxó, SCD de Samieira, AC Vides Novas, AVV Boureante e do Ateneo Corredoira, que se reuniron para analizar os case 300 deseños presentados polos escolares menores de 18 anos que residen en Poio.

As autoras das cinco postais gañadoras recibirán un premio en metálico de 60 euros e un agasallo conmemorativo. A entrega dos premios farase o luns 23 de decembro, ás 17.30 horas na carpa Poio Máxico, instalada na Seca.

A concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, agradece a implicación dos escolares, e destaca a calidade, orixinalidade e creatividade dos traballos que presentaron.

MERCADIÑO DE NADAL EN COMBARRO

Por outra banda, a Asociación Cultural e Deportiva Leucoíña organiza, na Praza da Chousa e en colaboración co Concello de Poio, un Mercadiño de Nadal con cinco postos de artesanía, decoración de Nadal e agasallos para estas festas.

O horario de apertura é de 11.00 a 20.30 horas este venres, 6 de decembro, todos os sábados e domingos ata o 5 de xaneiro e do 21 ao 30 de decembro. O xoves 5 e os venres 13 e 20 de decembro e 3 de xaneiro, será en horario de tarde, entre as 16.30 e as 20.30 horas, mentres que os días 24 e 31 atenderán pola mañá, de 11.00 a 15.00 horas.

Ademais deste Mercadiño, na Praza da Chousa está instalada unha das sete Aldeas de Nadal que o Concello de Poio ten instaladas nos lugares máis emblemáticos do municipio e que, xunto coa carpa Poio Máxico, son lugar de encontro e diversión para toda a familia.

ESPECTÁCULO MUSICAL COS PRESENTADORES DE CLAN TV JUAN D E BEATRIZ PARA TODA A FAMILIA

Precisamente, a programación de Nadal do Concello de Poio inclúe este sábado, 7 de decembro, na carpa instalada na Reiboa o espectáculo infantil 1,2,3 Adivina Lo Que Es”, con Juan D e Beatriz. Ás 18.00 horas e con entrada gratuíta ata completar o aforo dispoñible.

Os presentadores infantís de Clan TV chegan a Poio cun espectáculo de Nadal para cantar e bailar unha selección das súas cancións máis coñecidas. Unha aventura chea de diversión e sorpresas que levarán ao público pola máxica Cidade Arcoris e tamén ao Cohete Musical xunto aos Lunnis.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio