SILVIA DÍAZ CONSENSÚA CO SECTOR O NOVO PLAN DE SOSTIBILIDADE TURÍSTICA

12/01/2024

2023.

A tenente de alcalde e responsable de Turismo, Silvia Díaz (Avante Poio), participou este mércores nunha reunión convocada no Casal de Ferreirós, á que asistiron profesionais do sector, para avanzar na elaboración do Plan de Sostibilidade Turística en Destinos. Trátase dun documento de gran importancia, toda vez que permite acceder á consecución de fondos europeos ‘Next Generation’. Díaz avanzou ante as persoas asistentes as liñas estratéxicas do documento, ao tempo que garantiu que tamén se terán en conta as achegas que realicen os e as profesionais. Na súa elaboración traballan a Concellería de Turismo e o departamento de Promoción Económica, dirixido polo socialista Gregorio Agís.

“Nesta convocatoria priorízanse destinos que conten con casco histórico e tamén o turismo azul”, explicou a integrante do Goberno local, que ten claro que ambos requisitos “encaixan perfectamente do noso destino turístico”. Ademais de contar co núcleo de Combarro, Poio tamén cumpre cos parámetros relacionados co turismo azul, que é aquel que ten como punto de referencia o mar para o seu desenvolvemento, ao tempo que conta como eixes principais coa sostibilidade, a accesibilidade e a calidade de servizos. A tenente de alcalde salienta a necesidade de que este plan sexa un documento “o máis consensuado e participativo posible”, de aí que desde a Concellería de Turismo se deseñase unha enquisa para o sector, a través da cal “queremos coñecer a súa percepción sobre o noso destino e incluír as súas suxestións e propostas no Plan de Sostibilidade Turística en Destinos”.

Tal e como se detallou durante a exposición do documento, Poio solicitará uns 2 millóns de euros, que poden chegar a través das dúas liñas que integran esta convocatoria, correspondente ás anualidades 2024 – 2026: o Plan Territorial, da Xunta de Galicia, e o Estatal, dependente do Goberno central. O primeiro deles é o que cubriría actuacións a realizar nos núcleos históricos, mentres que o segundo céntrase no turismo azul. A responsable de Turismo lembra que a través desta liña de axudas de fondos europeos pódense financiar diferentes actuacións vencelladas á mellora da mobilidade, rehabilitación e reparación de sendas ou miradoiros, creación de aparcadoiros disuasorios, nova sinalización intelixente ou a accesibilidade ás praias, entre outras opcións. Precisamente, unha das actuacións que se pretende impulsar con este fondos é habilitar unha liña de transporte marítimo, mediante o uso de embarcación eléctrica, entre Raxó e Pontevedra, con escala en Covelo, Combarro, Campelo e Tambo. “Estamos a falar dunha proposta innovadora na bisbarra, que aposta pola eficiencia enerxética e que suporía establecer unha alternativa de transporte a maiores do tráfico rodado”, sinalou Díaz, que ten claro que este servizo “non só suporía un recurso turístico importante, senón que tamén está pensado para o uso habitual da nosa veciñanza”.

Con respecto á enquisa enviada ao sector, que se pode cubrir de xeito telemático e que foi enviada aos profesionais por correo electrónico, a través dela solicítase aos e ás participantes que respondan a unha serie de preguntas, como cal é o valor turístico máis coñecido de Poio, a súa maior riqueza ou cal consideran que é a maior problemática na actualidade. Ademais, a través desta enquisa “podemos coñecer a opinión do sector no tocante á potenciación de recursos e as melloras a realizar”, apunta Silvia Díaz.

Adhesión ao Plan e Certificado de Calidade do SICTED

Ademais desta reunión informativa, o Casal de Ferreirós tamén acolleu este mércores a última das xornadas de adhesión ao Plan e Certificado de Calidade do Sistema Integral de Calidade Turística en Destinos (SICTED). A Deputación de Pontevedra e o organismo provincial Turismo Rías Baixas financian os proxectos ao abeiro desta liña, cos que se busca reforzar a competitividade do sector e, ao mesmo tempo, recoñécese o esforzo e compromiso coa calidade e mellora continuas.

A tenente de alcalde ten claro que a adhesión a este plan de calidade “pode ser moi proveitosa para os negocios vencellados ao sector”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio