Por terceiro ano consecutivo, o goberno local de Poio consolida a súa aposta por unhas festas máis inclusivas, con medidas para favorecer que todas as persoas poidan desfrutar en igualdade das celebracións.
O Concello de Poio reforza as medidas de inclusión e accesibilidade previstas durante as festas de San Xoán, co obxectivo de facer da programación festiva un espazo máis amable e respectuoso coa diversidade sensorial. Entre estas actuacións destaca o aumento das franxas horarias sen ruído nas atraccións da feira, de xeito que todos os días funcionarán ata as 21:30 horas sen música nin estímulos sonoros engadidos. Trátase dunha medida que se consolida por terceiro ano consecutivo e que busca garantir que as persoas con Trastorno do Espectro Autista (TEA) poidan vivir as festas nun entorno seguro e accesible, tendo en conta o impacto que a hipersensibilidade auditiva ten sobre os ruídos intensos, que poden chegar a converterse nunha barreira para o desfrute destas atraccións, tal e como sinala o concelleiro de Festexos, Fran Dasilva.
No mesmo sentido, establécense horarios concretos para os fogos de ruído, que terán lugar o 22 de xuño ás 20:00 horas coincidindo co inicio das festas, a lectura do pregón e a entrega de premios; o 23 de xuño ás 12:00 horas e ás 23:45 horas, antes do acendido da cacharela; o 24, 25 e 26 de xuño ás 13:00 horas. O goberno local tamén reforza a difusión destes horarios a través das redes sociais municipais, co obxectivo de anticipar a pirotecnia tanto ás persoas con hipersensibilidade como á protección e benestar dos animais. Estes espectáculos terán unha duración aproximada de 15 minutos. Ademais, na noite do 26 de xuño, ás 00:00 horas, na Seca celebrarase un espectáculo de fogos de lucería cunha duración aproximada de 20 minutos.
No relativo aos actos tradicionais, a Baixada do Santo desde San Martiño terá lugar o 24 de xuño entre as 11:00 e as 11:30 horas, acompañado das alboradas de Vides Novas e acompañado de fogos, mentres que a Subida do Santo o 25 de xuño será entre as 14:00 e as 14:30 horas.
Con estas medidas, o Concello de Poio reafirma o seu compromiso cunhas festas inclusivas e abertas, avanzando cara un modelo de celebracións que pon no centro o dereito ao lecer de toda a veciñanza en condicións de igualdade.