Reunión de coordinación para ultimar os detalles e o dispositivo que garantan o éxito da saída de La Vuelta desde Poio

04/08/2025

O alcalde Ángel Moldes convida á veciñanza a participar nesta xornada histórica, un espectáculo deportivo de primeiro nivel que suporá unha importante proxección internacional para o municipio.

O Concello de Poio celebrou esta mañá unha reunión de coordinación con representantes da empresa Unipublic, organizadora de La Vuelta a España, para ultimar todos os preparativos e o dispositivo que garantan o éxito da saída da etapa 16 desde Combarro, o martes 9 de setembro.

No encontro, no que participaron o alcalde Ángel Moldes, e os concelleiros de Deportes e de Seguridade Cidadá, Tucho Muíños e Maritxe González, así como o director de produción e loxística, Pedro Lezaun, o responsable de montaxe da saída, Kerman Zunzarren, e o patrón maior da Confraría de Raxó, Iago Tomé, abordaron todas as cuestións técnicas necesarias para a montaxe e desmontaxe de todo o operativo, desde a zona de saída, ata os espazos reservados para aparcamentos de equipos, organización, caravana publicitaria…

Esta será a primeira vez que Poio acolla a saída dunha etapa da prestixiosa carreira ciclista, un evento deportivo de primeiro nivel incluído na máxima categoría do calendario internacional, que mobiliza a uns 184 corredores, 46 vehículos de equipo e un amplo dispositivo de seguridade e loxística.

A presenza de La Vuelta en Poio comezará xa o luns 8 de setembro, coincidindo coa xornada de descanso da carreira, o que contribuirá a xerar ambiente e expectativa na localidade.

O alcalde Ángel Moldes destacou que “trátase dunha oportunidade histórica para Poio, tanto a nivel deportivo como promocional, xa que La Vuelta é unha fiestra internacional que permitirá amosar a beleza e potencial do noso concello ao mundo”. Por iso, fixo un chamamento á veciñanza: “Animamos a todos os veciños e veciñas a participar, a vivir esta festa do deporte e a encher as rúas para dar unha calorosa benvida aos corredores. Será unha xornada para lembrar”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio