O obxectivo da reunión, sinala Ángel Moldes, é integrar as necesidades reais da veciñanza no proxecto: “Queremos que sexa un proxecto sensible co entorno, dialogado cos veciños e respectuoso”.
O alcalde de Poio, Ángel Moldes, mantivo un encontro de traballo con técnicos da Xunta e da empresa que está redactando o proxecto da nova senda na estrada autonómica PO-303 ao seu paso por Samieira, unha reunión na que participaron tamén representantes dos veciños e que, segundo indica Moldes, pretendía comprobar no territorio e fóra dos despachos as necesidades reais do lugar para integralas desde o inicio no proxecto. “A veciñanza do lugar coñece mellor que ninguén cales son as necesidades e os problemas que debemos solucionar, e son eles os que, unha vez executadas as obras, van convivir co proxecto, así que é fundamental traballar e avanzar da man”, explica.
Así, durante o encontro escoitaron as propostas, opinións e consideracións para este proxecto que está redactando a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas e que busca mellorar a seguridade e a mobilidade sostible nesta parroquia, habilitando unha senda de algo máis de 1,2 quilómetros de lonxitude, no treito da PO- 303, entre Tarrío e Arén. Non é a primeira vez que se manteñen unha reunión coa veciñanza, previamente xa mantiveron un encontro na Delegación da Xunta en Pontevedra para urxir a execución deste proxecto. Por iso, o alcalde pon en valor que “o diálogo é constante e fluído, tanto por parte da Xunta, como do Concello e cos veciños. Queremos que sexa un proxecto sensible co entorno, dialogado cos veciños e respectuoso”, indicou.
En concreto, a intervención que están deseñando na PO-303, céntrase no treito comprendido entre os puntos quilométricos 0+540, onde rematan as actuais beirarrúas, e transcorre ata o punto quilométrico 1+780. O ámbito de actuación orixinal era ata o punto 0+940, pero finalmente estendeuse de modo que tamén se dea acceso peonil seguro ao lavadoiro público de Arén, e ao propio núcleo de Arén. A senda que se configurará no treito de actuación terá un pavimento de formigón en cor, cun ancho mínimo de 1,80 metros de modo que se asegure a súa accesibilidade. Incluirá tamén a reposición dos servizos que se vexan afectados pola execución da senda.