O alcalde de Poio, Ángel Moldes, reuniuse coa conselleira de Economía e Industria, María Jesús Lorenzana, para abordar a situación do parque empresarial de Fragamoreira e avanzar no seu desenvolvemento.
Durante o encontro, Lorenzana trasladoulle que un dos obxectivos da política económica da Xunta é que as empresas teñan máis facilidades de acceso ao solo industrial e promover o crecemento das que xa están implantadas en Galicia.
Neste marco, a conselleira puxo en valor as novas figuras de aceleración da ordenación de solo empresarial postas en marcha polo Goberno galego, como é o caso das Zonas de Aceleración de Proxectos Empresariais e Solo (Zapes), unha figura que permite simultanear a tramitación urbanística coa dos proxectos, de xeito que se pasa dunha media de dez anos a menos de dous anos para que as empresas poidan comezar a súa construción.