O Concello de Poio está realizando tarefas de mantemento, rehabilitación e mellora nos locais municipais.
O alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Espazos Municipais, Tamara González, reuniuse con veciños da Ucha para comprobar as melloras que o Concello de Poio realizou no local, e que permiten mellorar de xeito notable a calidade e funcionalidade do local, así como a comodidade das persoas usuarias.
“Estes locais son punto de encontro, de lecer e de convivencia para os veciños e veciñas do lugar, espazos que contribúen a facer pobo, xa que acollen numerosas iniciativas organizadas polo tecido asociativo ou polos propios departamentos municipais, polo que continuamos coa nosa folla de ruta para acometer labores de mellora e acondicionamento nos espazos que así o precisen”, explicou Moldes.
Entre as obras incluíronse a substitución de baldosa por tarima flotante, tratamento para as humidades e pintado do interior do local, remodelación dun dos dous baños dispoñibles e creación dun almacén no aseo restante, así como a instalación dunha cuberta na entrada do local para evitar a entrada de auga.
Estas melloras, que se executaron a través de fondos propios, inclúense dentro dun plan de actuación e mantemento que o Concello de Poio está realizando nos diferentes espazos municipais para, deste xeito, dar resposta ás necesidades que van xurdindo.