O alcalde Ángel Moldes subliña que “seguimos priorizando investimentos en camiños secundarios e dotación de servizos no rural, que son fundamentais para mellorar o día a día dos veciños”.
O Concello de Poio rematou a rehabilitación do ramal do Camiño Fonteiriñas, en San Xoán, poñendo fin a unha demanda veciñal que levaba máis de seis anos pendente. As obras permiten solucionar os problemas de inundacións en terreos e viñedos da zona e mellorar o estado do firme.
O alcalde, Ángel Moldes, comprobou o remate dos traballos, correspondentes á segunda fase dun proxecto financiado con fondos +Provincia da Deputación de Pontevedra. A actuación completa a mellora do firme e a recollida de augas pluviais que se executou hai uns meses no Camiño Fonteiriñas.
As obras incluíron un sistema de drenaxe e evacuación de augas pluviais mediante a instalación de tubaxe e conexión á rede existente con recollida a través de sumidoiros. Instaláronse ademais tres pozos de rexistro, con tres sumidoiros, acometidas domiciliarias ás vivendas existentes e conexión do colector á rede. Con respecto á rehabilitación do firme, reasfaltouse o pavimento mediante o aporte dunha capa media de 5cm de mestura bituminosa en quente.
Con esta obra, o Goberno local continúa a súa aposta pola mellora da rede viaria municipal, con investimentos en todas as parroquias. Moldes subliña que “desde o Concello de Poio seguimos priorizando investimentos en camiños secundarios e dotación de servizos no rural, que son fundamentais para mellorar o día a día da veciñanza”. Por iso, explica que o obxectivo do Goberno nestes dous anos foi priorizar estes investimentos que están permitindo dar resposta a necesidades e problemas que se acumulan desde hai tempo, actuacións que non requiren investimentos moi elevados pero que ofrecen un servizo imprescindible para a cidadanía.
Actualmente tamén se está executando a mellora do firme e da rede de pluviais en Ucha de Arriba, para resolver os arrastres e inundacións nun vial con forte pendente.