Reanudan a humanización en Liñares con melloras que inclúen renovar a rede de pluviais e eliminar o pozo de rexistro

10/05/2024

O concelleiro Marcial García sinala que “a modificación do proxecto recolle as principais reclamacións da veciñanza e ofrece máis garantías e seguridade”.

As obras de humanización en Liñares retomáronse esta semana con importantes novidades respecto ao proxecto inicial, xa que agora si inclúen ampliar a capacidade da rede de pluviais e eliminar o pozo de rexistro do regato canalizado que se atopaba no centro da praza, na que conflúen dúas rúas con tráfico rodado e peonil.

O concelleiro de Obras e Servizos, Marcial García, visitou as obras e sinala que “a modificación do proxecto xa recolle as principais reclamacións da veciñanza e ofrece máis garantías e seguridade”. Neste senso, explica que cando se iniciaron as obras a finais de outubro, e unha vez realizadas as escavacións, confirmouse que os tubos da rede eran insuficientes para garantir a recollida de pluviais. “Nese momento tiñamos claro que había que ofrecer algo máis e asegurar un proxecto a longo prazo, un proxecto completo que recollese as necesidades reais e dese resposta aos principais problemas de Liñares”, engade. Por iso, unha vez que se decidiu facer un modificado, incluíuse tamén a eliminación do pozo de rexistro do regato, “un problema evidente de seguridade no lugar, que podería chegar a provocar afundimentos do firme, e que para sorpresa de todos, o proxecto inicial non o incluía”.

Neste tempo, ademais de redactar o modificado do proxecto, o Concello de Poio tamén tivo que solicitar informes sectoriais a Augas de Galicia para poder pechar o pozo, unha solicitude que se fixo o 24 de novembro e que recibiu o informe favorable a finais de decembro.

A humanización de Liñares acometerase con fondos provinciais. O modificado supón incrementar 20.787,80 euros o custe do proxecto inicial, que contaba cun investimento de 138.705,48 euros.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio