Reactívase a construción de 52 novas vivendas na Urbanización do Pazo Besada, paralizada desde hai 15 anos

22/11/2025

A Comisión de Urbanismo aprobará proximamente a nova licencia despois do visto bo da Dirección Xeral de Patrimonio e numerosas reunións no Concello para desatascar un proxecto abandonado desde principios da pasada década. A reanudación das obras permitirá ampliar o parque residencial, eliminar as estruturas inacabadas e mellorar a imaxe e a seguridade na zona.

O Concello de Poio confirma a inmediata reactivación das obras de construción dos edificios número tres e catro da Urbanización Pazo Besada, en Andurique, que levaban paralizadas quince anos, e que suporán a creación de 52 novas vivendas.

A concelleira de Urbanismo, Rocío Cochón, explica que a Comisión Informativa aprobará proximamente a licencia para os novos inmobles, que completarán o proxecto orixinal comezado en 2009. Naquel momento, pretendíase edificar 150 vivendas e garaxes distribuídos en catro edificios, dos que só se remataron dous, a principios da década pasada. Outros dous bloques quedaron sen rematar, polo que a reanudación das obras permitirá eliminar as estruturas inacabadas e mellorar así a imaxe e a seguridade na zona, para os veciños e usuarios do propio Pazo.

Durante o último ano desde o Goberno local mantivéronse varias reunións con promotores e técnicos a fin de desatascar este expediente, dentro dos seus esforzos para ampliar o parque de vivenda no concello, nun momento no que o acceso á vivenda é unha das principais inquedanzas da veciñanza, e eliminar focos de feísmo e inseguridade. O proxecto tamén conta coa resolución favorable do Servizo de Patrimonio da Xunta.

“Este era un momento moi agardado polos actuais veciños do Pazo, para todas as persoas que utilizan e visitan as instalacións e para o Concello de Poio”, explica a responsable da área. Pon en valor, ademais, que nos últimos dous anos conseguiuse desatascar, só na parroquia de San Salvador, máis de 200 novos inmobles que neste momento se atopan en planificación, en execución ou finalizados recentemente. A maiores, recorda que tamén traballan na determinación de solo para ampliar o parque de vivenda pública.

Finalmente, Cochón subliña o esforzo do Goberno local para que Poio se consolide como “un concello mellor para vivir, traballar e investir”, recordando que ademais das novas promocións residenciais, tamén está en marcha a implantación de varios proxectos empresariais e avanza con paso firme o Polígono de Fragamoreira. “Pola nosa parte, intentamos ser cada vez máis áxiles nos trámites urbanísticos para particulares, autónomos e empresas; ter a porta aberta a veciños, administracións e sociedades, colaborando con todos, baixar impostos ás familias, mellorar os servizos, entre outras medidas”, engade.

Neste senso, sinala que “atraemos novos veciños, novas empresas e inversións, e o urbanismo ten un papel determinante neses avances. Un urbanismo responsable e pensado para todos”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio