Ramón Pedras “Petete” será o pregoeiro do Día de Colón

10/04/2024

En compañía das asociacións Combrus, Leucoíña e Vides Novas levarán contacontos aos colexios para achegar a teoría do Colón galego e a Casa Museo de Poio.

O pregoeiro do Día de Colón será Ramón Pedras “Petete”, como un dos impulsores da celebración desta festa en Combarro, e que o 10 de maio retoma a súa décima edición tras catro anos sen celebrarse e ter que suspenderse o pasado mes de outubro polas previsións de choiva.

E precisamente por isto, desde a organización confían en Petete “como o pregoeiro idóneo para unha edición moi especial”. Nesta liña, recordan que levan esperando que exerza desde a primeira edición, pero daquela se negou e comprometeuse a selo na décima edición.

A lectura do pregón será o venres, 10 de maio, pero antes, entre o 22 e 26 de abril, Petete percorrerá todos os colexios de Poio, en compañía dos colectivos Combrus, Leucoíña e Vides Novas, para achegar ao alumnado contacontos sobre Poio, a teoría do Colón galego e a Casa Museo que está en Portosanto.

RESERVA ESPAZO PARA OS XANTARES PARTICULARES

Por outra banda, continúa aberto o prazo para reservar espazo para os xantares e ceas de particulares, que se poden organizar o sábado 11 de maio. As persoas interesadas poden anotarse na Oficina de Turismo de Combarro ata o 21 de abril. Xunto coa folla de solicitude, na que teñen que incluír datos do solicitante así como número de participantes e dimensións da mesa, e interese en facer lumes e grellas, deberán acompañar copia do DNI da persoa representante e esbozo ou fotografías que amosen as dimensión do espazo que se solicita, o seu emprazamento e a estética que se lle quere dar.

O obxectivo é encher as rúas do centro histórico de ambiente e animación medievais, e por iso animan a veciños e visitantes a saír ás rúas e impregnar Combarro do espírito de Colón.

PROGRAMACIÓN

Á espera de ultimar a programación da décima edición, que incorporará algunhas novidades con respecto á que estaba prevista en outubro, xa se pode confirmar que incluirá mercado artesanal, talleres demostrativos, tiro con arco, zonas de xogo e animación infantís e música e trucos itinerantes polas rúas.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio