Rafa Cabeleira será o pregoeiro das festas de San Xoán 2024

25/05/2024

Veciño de Campelo, é columnista, colaborador habitual en medios nacionais, galegos e locais e escribiu o libro “Alienación indebida”. A lectura do pregón será o sábado 22 de xuño desde a Casa do Concello.

As Festas de San Xoán 2024 xa teñen pregoeiro. Rafa Cabeleira será o encargado de dar a benvida e o pistoletazo de saída ás festas grandes de Poio, que se celebran do 22 ao 27 de xuño.

Xornalista, columnista e colaborador habitual do diario El País, a Cadena Ser, Diario As, Diario de Pontevedra e Radio Galega, tamén escribiu un libro, “Alienación indebida”, da editorial Círculo de Tiza.

Desde o Concello de Poio apostan nesta edición porque sexa un veciño de Poio, concretamente de Campelo, a persoa responsable de inaugurar a celebración. “Será un pregón con clave local, desde Poio e para Poio. Esta é a festa grande do noso concello, referencia tamén en toda a comarca, unha celebración que envolve grandes lembranzas pero que, sobre todo, amosa un sentimento de unión, identidade e de orgullo para todos os poienses. Por iso, estou convencido de que o pregón de Rafa Cabeleira, veciño coñecido e cunha traxectoria profesional recoñecida, vai ser moi especial para toda a veciñanza”, destaca o alcalde, Ángel Moldes.

A lectura do pregón será o sábado 22 de xuño desde a Casa Consistorial, día no que tamén se fará entrega do concurso de carteis de San Xoán e dos premios aos deportistas locais en recoñecemento da súa traxectoria nesta tempada. Nesta xornada tamén haberá a tradicional degustación de rosca e viño.

Precisamente, esta semana tamén se facía público o fallo do concurso de carteis para promocionar as festas, que será o deseño realizado pola estudante Emilia Hanna Beck. O resto da programación, que está practicamente pechada, darase a coñecer nos próximos días. Con todo, será un programa amplo con propostas para todas as idades e que, como non pode ser doutro xeito, incluíra a sardiñada popular e fogueira na Seca.

No San Xoán o Concello de Poio tamén habilitará un Punto Lila para concienciar e previr a violencia machista e favorecer deste xeito a celebración de festas seguras. Será un punto de referencia no que poden informarse, pero sobre todo un espazo seguro e tranquilo ao que pode asistir calquera vítima en caso de agresión. Dúas promotoras da igualdade atenderán e sensibilizarán sobre as agresións e, de ser o caso, ocuparanse de comunicar a situación ás forzas de seguridade para activar o protocolo de actuación.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio