Trátase dun tótem interactivo en varios idiomas situado na recepción do Concello con información útil para os peregrinos sobre a ruta, os servizos e recursos turísticos á súa disposición en Poio, e todo o necesario para que sigan “no Bo Camiño”. O proxecto é unha iniciativa do Goberno local e está confinanciado con fondos europeos do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), a través da Consellería do Mar e o GALP Ría de Pontevedra e fondos propios do Concello de Poio
O Concello de Poio vén de instalar un ‘Punto de Información ao Peregrino’ de última tecnoloxía para enriquecer a experiencia dos usuarios das variantes xacobeas e darlles a mellor benvida ao municipio.
Trátase dun tótem interactivo de última tecnoloxía, situado na recepción do Concello, que proporcionará aos peregrinos informacións útiles en varios idiomas sobre as rutas de peregrinación-con mapas descargables da Variante Espiritual e a Ruta Padre Sarmiento-; previsións e alertas meteorolóxicas e de seguridade; indicacións para albergues, hoteis, establecementos de hostalaría e comercios así como servizos útiles moi demandados polos peregrinos como farmacias, lavanderías, albergues ou supermercados.
Os usuarios tamén poderán consultar toda a información sobre o patrimonio cultural e natural de Poio, as actividades de ocio á súa disposición, como turismo activo e mariñeiro, e terán a opción de deixar mensaxes sobre o seu paso, no Libro de Sinaturas, ou comentarios e suxestións para mellorar o percorrido ao paso por Poio.
Ademais, as distintas seccións poden descargarse directamente nos móbiles dos peregrinos para que poidan levar toda a información consigo mentres fan o camiño.
“É unha ferramenta pioneira con moito potencial para axudar nos puntos fortes do turismo xacobeo: a internacionalización e a desestacionalización, e que nos brinda a posibilidade de atender no seu idioma e en calquera momento aos máis de 35.000 peregrinos que agora mesmo estamos a recibir e que pasan precisamente por diante da casa do Concello, pero non poden ser atendidos polo persoal municipal”, explicou a concelleira de Turismo Rocío Cochón.
“Decenas de miles de persoas dos cinco continentes que descubren Poio grazas ao camiño e que mediante esta iniciativa poderán cada vez máis pernoctar, xantar, cear con nós, usar o noso comercio local e, despois de concluír o Camiño, volver a visitarnos e ser os mellores prescriptores do noso concello”. Neste sentido, subliñou que o Punto de Información ao Peregrino, proporcionará a estes visitantes “todo o necesario para que sigan no Bo Camiño”.
O dispositivo permanecerá en fase de probas durante o inverno, recollendo información e facendo os últimos retoques, para estar a pleno rendemento no período de maior afluencia de peregrinos, a partir de marzo
O proxecto é unha iniciativa do Goberno local confinanciada con fondos europeos do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca (FEMP), a través da Consellería do Mar e o GALP Ría de Pontevedra e fondos propios do Concello de Poio.