O evento reuniu a medio centenar de persoas na Casa Rosada, con relatorios científicos, mesas redondas e un obradoiro gastronómico, e concluíu coa redacción dun decálogo de propostas para a viabilidade e sustentabilidade do marisqueo a medio e longo prazo.
A I Xornada Técnica da Ameixa, organizada polo Concello de Poio co apoio do GALP Ría de Pontevedra e a Consellería do Mar, concluíu este xoves coa redacción dun decálogo de propostas centradas en garantir un futuro sostible para o marisqueo na Ría de Pontevedra.
O encontro, celebrado nas instalacións da Casa Rosada, reuniu a medio centenar de persoas entre profesionais do sector do mar, representantes das distintas administracións, expertos, colectivos, que ao longo do día debateron sobre a situación desta actividade e os retos ambientais, económicos e sociais. Contou coa participación da Conselleira do Mar, Marta Villaverde, o alcalde de Poio, Ángel Moldes, os patróns maiores das tres confrarías do fondo da Ría, e distintos representantes de empresas e institucións públicas que participaron en coloquios e compartiron os seus coñecementos en charlas técnicas.
A inauguración do evento correu a cargo de Moldes, acompañado da Directora Territorial da Consellería de mar en Vigo, Elena Suárez. Moldes deu a benvida aos asistentes subliñando que analizar os desafíos presentes e futuros do marisqueo é importante para construír propostas que garantan a sustentabilidade e a valoración da ameixa da ría de Pontevedra. “É urxente e necesario apoiar ao sector do mar, recoñecer a súa relevancia e dar visibilidade ao traballo que se realiza día a día nas nosas costas. Este traballo é o que sostén a vida de moitas familias, dinamiza a economía local e mantén viva a nosa identidade mariñeira”, sinalou. Por iso, apostou por “accións como estas xornadas, que son pioneiras en Galicia e que fomentan a reflexión, o coñecemento compartido e a colaboración entre sectores”.
A continuación, a xefa do servizo de pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica da Xunta, Carmen de Benito Caula, ofreceu unha charla técnica titulada “Da tradición á innovación. O futuro do marisqueo en Galicia”.
A primeira mesa redonda da xornada abordou “A realidade actual do marisqueo na Ría de Pontevedra”, cos presidentes das tres Confrarías da Lonxa de Campelo: Lourizán, María del Carmen Vázquez; San Telmo de Pontevedra, César Rodríguez, e Raxó, Iago Tomé.
Seguidamente, o biólogo da Lonxa de Campelo, Andrés Simón Gómez, achegou “unha mirada técnica á situación actual na Ría de Pontevedra”, cun relatorio centrado nos aspectos científicos da actividade.
A segunda mesa redonda da xornada reuniu a representantes de empresas relacionadas coa cadea mar industria, para debater “A importancia do produto da Ría na cadea de valor económica local”. Nela participaron Mar Ambroa, xerente de Artesa Atlántica e Sefi Montes, xerente de Mares de Galicia S.A., duas das principais empresas comercializadoras de produtos do mar e Pilar Otero, presidenta da Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (Anmupesca).
A mediodía chegou un dos pratos fortes da Xornada, o obradoiro de showcooking a cargo do Restaurante La Brisa, en Lourido, na que os asistentes puideron degustar distintas receitas innovadoras elaboradas coa ameixa de Campelo. Esta demostración culinaria que amosou o potencial gastronómico e de mercado do produto estrela do marisqueo en Poio.
Para pechar a xornada, e xa na sesión de tarde, os participantes colaboraron na redacción do decálogo de propostas prioritarias para garantir un futuro sostible para o marisqueo na Ría de Pontevedra. O documento recolle medidas que van desde o reforzo da gobernanza e a coordinación institucional ata accións de protección e sustentabilidade ambiental. Tamén se inclúen iniciativas para impulsar a formación e capacitación profesional, reforzar a trazabilidade e o valor engadido do produto da Ría de cara ao consumidor, innovar na xestión dos recursos e garantir a participación activa do colectivo de mariscadoras nos órganos de decisión que afectan ao sector. Son propostas que aspiran a servir de folla de ruta cara ao futuro, coa vista posta en asegurar a viabilidade económica e ecolóxica da actividade marisqueira na Ría de Pontevedra a medio e longo prazo.
A xornada foi clausurada pola concelleira de Turismo, Rocío Cochón, que destacou un balance “moi positivo” desta primeira Xornada, programada como complemento á 37ª edición da Festa da Ameixa de Campelo, porque “garantir o futuro desta actividade na nosa Ría è apoiar a centos de familias do noso concello pero tamén asegurar unha parte moi importante do noso patrimonio económico e cultural”. Cochón debullou algunha das iniciativas levadas a cabo desde o Concello para apoiar ao sector. Destacou a importancia de “levar á práctica este decálogo da man do sector” e agradeceu a colaboración da Consellería do Mar, mediante o financiamento do Galp Ría de Pontevedra.
PROPOSTA DECÁLOGO FINAL DA XORNADA TÉCNICA DA AMEIXA: “O MARISQUEO NA RÍA DE PONTEVEDRA”
- Reforzo da gobernanza e coordinación institucional: Reforzar os mecanismos de cooperación entre confrarías, administración autonómica, concellos e entidades científicas para unha xestión integrada do marisqueo.
- Plans de emerxencias adaptados ao territorio: Desenvolver plans de emerxencias adaptados ao territorio da Ría de Pontevedra, incluída a xestión específica de certas especies non nativas.
- Impulso dos plans de saneamento locais: Impulsar plans de saneamento específicos a nivel local para a redución e xestión de vertidos e fontes de contaminación que afecten á calidade das augas.
- Formación e capacitación profesional: Consolidar programas de formación continua para o sector, con especial atención a sustentabilidade, a innovación e o coñecemento da normativa vixente cunha maior incidencia no baremo para a obtención e renovación dos permisos de extracción.
- Fomento da innovación produtiva: Seguir promovendo proxectos piloto de repoboación, sementeira e diversificación de especies que contribúan a garantir a sustentabilidade a medio e longo prazo e ampliar o seu número e alcance.
- Trazabilidade e calidade diferenciada: Reforzar os sistemas de control e certificación que permitan garantir ao consumidor a orixe, a calidae e a singularidade do produto da ría de Pontevedra.
- Campañas de promoción e posicionamento do produto: Impulsar campañas de promoción e información aos canais de distribución d e ao consumidor final a fin de diferenciar e poñer en valor o produto da Ría de Pontevedra fronte a outras orixes
- Reforzo dos sistemas de auditoría vencellados á certificación do produto durante toda a cadea de valor: Reforzar os sistemas de auditoría para impulsar o valor engadido das certificacións e outros distintivos galegos, para asegurar a identificación do produto da Ría de Pontevedra, desde a extracción ata o consumidor final
- Valor engadido, comercialización e posta en común: Impulsar estratexias conxuntas de promoción, canais curtos de comercialización e sinerxias co sector turístico e gastronómico para incrementar o valor do produto, incluída a convocatoria de foros multisectoriais a nivel autonómico e a celebración dunha xornada técnica con todas as confrarías galegas que tería lugar en 2026 en Poio
- Investigación aplicada e cambio climático: Reforzar a continuidade da colaboración con universidades e centros de investigación para anticipar e mitigar os impactos do cambio climático sobre os ecosistemas marisqueiros.