Primeiro paso para dotar ao Porto Deportivo de Combarro dun plan especial “moi necesario, agardado e que ofrece solucións a un problema histórico”

01/07/2024

No pleno de xuño tamén houbo unanimidade da corporación contra o parque eólico no Castrove polo seu impacto paisaxístico e afección ao medio natural e aos núcleos de poboación.

A corporación municipal de Poio apoio por unanimidade a aprobación inicial do Plan Especial do Porto Deportivo de Combarro, un documento “moi necesario pero máis aínda, moi agardado, xa que se vai producir 15 anos despois de ser inaugurado o Porto Deportivo”, sinalou a concelleira de Urbanismo e Turismo, Rocío Cochón, que incidiu na “importancia de impulsar o pleno uso dunha instalación clave para o futuro de Combarro, incluída a actividade nun novo espazo municipal nun extraordinario emprazamento”.

Foi no pleno ordinario de xuño, que se celebrou onte, no que o alcalde Ángel Moldes apuntou que “doado non debe ser este documento, cando levamos quince anos esperando por el. Nós estamos traballando con responsabilidade, e en só un ano conseguimos traelo a pleno, buscando solucións a problemas históricos”.

Tras a aprobación inicial, abrirase un período de alegacións antes da aprobación definitiva dun documento que, segundo explicou Cochón, cando se aprobe de forma definitiva, permitirá “ordenar e dar plena seguridade xurídica” ás instalacións portuarias e a todas as actividades que hai hoxe e ás futuras no ámbito definido na Delimitación de Espazos e Usos Portuarios que alcanza os 45.317 m². E permitirá tamén poñer a disposición do concello un espazo de 257 m² na zona comercial para os usos de interese municipal que se determinen e que, asegurou, “en todo caso serán complementarios á actividade portuaria, non lucrativos e acordes á importancia do emprazamento e da súa contorna”.

Por último, subliñou que esta versión do Plan Especial “cumpre todo o esixible tanto no contido como no obxecto, na finalidade, e na conformidade coa lexislación vixente” para que “Combarro e Poio sigan crecendo, de forma ordenada e sustentable, garantindo emprego, riqueza e seguridade xurídica e a prestación de servizos para todos”.

Tamén por unanimidade, a corporación aprobou unha declaración institucional en contra do proxecto do parque eólico do Castrove. Recoñeceron a necesidade de realizar unha transición das enerxías fósiles a fontes de enerxías renovables, sustentables e non contaminantes, pero aseguraron que a xeración destas enerxías debe ser compatible co medioambiente, co patrimonio e coa poboación da contorna. Neste senso, sinalaron que a súa instalación e posta en funcionamento deste parque eólico no Castrove suporía un grave impacto visual e paisaxístico, con afección ao medio natural pero tamén aos núcleos de poboación no emprazamento e na zona máis ampla. Ademais, expresaron a súa solidariedade cos veciños preocupados pola tramitación deste proxecto e encomendaron á Comisión Informativa de Urbanismo consensuar e ditaminar un documento de alegacións que recolla, coa maior efectividade, a postura dos distintos grupos políticos e da veciñanza.

A corporación tamén amosou consenso para apoiar as reclamacións do ciclo do Medio Natural do IES de Poio. A concelleira de Educación, Natalia Sabarís, apuntou que “hai unha necesidade no centro, a solución está comprometida e o interese desta moción é, simplemente, facelo visible”. Así, subliñou que é unha formación “atractiva e novidosa, supón unha oportunidade para moitas mozas e mozos de Poio e incluso doutros concellos para formarse nunha especialización cun alto índice de empregabilidade, e por iso debe contar tamén co equipamento e material necesarios para levalo a cabo”.

Nesta liña, recordou “o apoio incuestionable” do Concello de Poio a toda a comunidade educativa e, por iso, “desde o primeiro momento ofrecemos toda a nosa colaboración á dirección do centro para manter conversas coa Consellería de Educación para solicitar que atendesen estas reclamacións”. Unhas reclamacións que, recordou, xa contan co compromiso da Xunta de Galicia para aumentar o investimento en adaptacións e equipamentos de cara o próximo curso.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio