Preto de 900 persoas animan a Pasarela de Comparsas na Seca

28/02/2026

Doce agrupacións de toda a provincia exhibiron as súas creacións e participaron na festa que se celebrou ata ben entrada a noite.

Preto de 900 persoas integradas en doce agrupacións de toda a provincia tinguiron de cor, espectáculo e moita animación a Pasarela de Comparsas do Entroido de Poio, celebrada esta noite. A Seca converteuse nun auténtico sambódromo no que cada comparsa exhibiu, unha a unha, as súas creacións, coreografías e músicas ante o público.

A celebración rematou na carpa instalada na Reiboa, onde comparsas e asistentes continuaron gozando da festa ata ben entrada a noite coa animación da discoteca móbil Dolce Vita.

Trátase da participación máis elevada rexistrada ata o momento nesta Pasarela de Comparsas, que alcanza a súa terceira edición e consolídase como unha das citas destacadas do Entroido de Poio. A iniciativa conta coa implicación tanto de agrupacións locais como doutros puntos da provincia, que atopan neste evento unha oportunidade para exhibir os seus traballos e compartir unha gran xornada festiva. Tamén participaron o alcalde, Ángel Moldes, e os concelleiros de Cultura e Educación e Festexos, Natalia Sabarís e Fran da Silva, así como outros membros do Goberno local.

A pasarela estivo encabezada polas catro comparsas locais —As Sonecas, 100Tolos, Os Canecos e Grupo de Entroido de Samieira— e partiu do Camiño da Fábrica para percorrer A Seca ata chegar á carpa instalada para a ocasión. No desfile tamén participaron AC Moreira A Tope, Alegría de Bora, Os da Caña, Os Retrincos, Os Paparrulos, Os Miúdos, Amigos dos Rapaces e Cor Café.

Todas elas contribuíron a crear un ambiente de Entroido excepcional cos seus coidados disfraces, coreografías e músicas, que foron recoñecidos con diferentes distincións á orixinalidade, colorido, elaboración, interacción co público, simpatía, imaxe, vestiario, interpretación musical, posta en escena, animación, espectáculo e coreografía.
A música e a animación da discoteca móbil Dolce Vita puxeron o broche final a unha gran noite de Entroido.

O que inicialmente estaba previsto como fin de festa converteuse, debido aos aprazamentos provocados pola choiva, no acto inaugural do Entroido de Poio. A programación continúa mañá, sábado 28, co Enterro do Mexilón en Combarro. O cortexo fúnebre sairá ás 21.00 horas desde o Peirao da Canteira ata a Praza da Chousa, acompañado polas comparsas locais.

O domingo 1 de marzo celebrarase o Desfile de Entroido de Campelo, que percorrerá o traxecto entre a Biblioteca Municipal e a Praza da Granxa. Alí terá lugar o fin de festa, con animación musical e a entrega de preto de 5.000 euros en premios.

No desfile participarán tamén comparsas chegadas de diferentes puntos da provincia e de Galicia, ademais de grupos, parellas e persoas que concursen a título individual. As persoas interesadas en participar de forma individual ou en parella poderán formalizar a súa inscrición o mesmo día do desfile, entre as 9.30 e as 11.00 horas nas inmediacións da Biblioteca Municipal.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio