Preto de 600 ciclistas daranse cita esta fin de semana en Poio co campionato galego II XCO e Mini BTT

27/05/2024

Ángel Moldes amosou o seu agradecemento ao traballo do club, “tanto polos valores fundamentais que transmite o deporte para as idades máis novas, como porque vai permitir o desenvolvemento do noso concello fóra da tempada estival”.

Poio converterase esta fin de semana no epicentro da BTT galega, co campionato galego II XCO Poio e o IX Mini BTT, que se celebrarán o sábado 1 e domingo,2, respectivamente.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, e o presidente do Poio Bike, Paco Albar, presentaron esta mañá as dúas probas, que reunirán a preto de 600 corredores e máis de 2.000 persoas, entre familiares e afeccionados, durante a fin de semana.

Ángel Moldes amosou o seu agradecemento ao traballo do club, “tanto polos valores fundamentais que transmite o deporte para as idades máis novas, como porque vai permitir o desenvolvemento do noso concello fóra da tempada estival”. Nesta liña, indicou que o club xa leva varios días traballando na montaxe do circuíto e, de feito, dixo que esta fin de semana xa se podía ver corredores facendo as súas probas.

Por último, convidou á veciñanza pero tamén aos visitantes “a que se acheguen esta fin de semana ao noso municipio e disfruten de todo o que Poio lles ofrece. Esperamos que sexa un éxito”.

Pola súa banda, Paco Albar recordou que o II XCO Poio Campionato Galego é a proba máis importante da tempada en Galicia na que, ademais, se repartirán os maillots desta tempada. “O Concello de Poio e o Poio Bike seremos os primeiros en dar os maillot na categoría infantil, que se estrea esta tempada en Galicia, o que para nós ten un significado moi especial e importante, dado o traballo que estamos facendo co deporte base. Como escola, é un orgullo poder colgar este distintivo en todas as categorías, pero en especial aos máis pequenos”.

Esta proba, na que esperan que participen aproximadamente 250 persoas, comezará ás 15.30 horas e competirán nas categorías sub 23, máster 60, máster 50, máster 40, máster 30, júnior, élite, cadete e infantil, tanto en feminino como masculino.

Con respecto á edición da IX Mini BTT, “a proba raíña que nos fixo crecer”, disputarase o domingo, día 2, en horario de mañá, de 9.00 a 14.00 horas. Espérase a participación 300 ciclistas, e Albar asegura que “é un orgullo ofrecer esta oportunidade ás categorías máis novas para que disfruten da mountain bike nunha zona idílica, como é o Monte Castrove”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio