PRETO DE 350 INCIDENCIAS FORON RESOLTAS DURANTE O ANO 2022 A TRAVÉS DA FERRAMENTA LIÑA VERDE

11/01/2024

2023. O concelleiro de Servizos Municipais, o socialista Julio Casás, fai un balanzo moi positivo da utilización durante o ano 2022 do servizo Liña Verde, unha canle a través da cal a veciñanza ten a oportunidade de dar aviso ao Concello de Poio de diferentes incidencias, de xeito que poidan ser solucionadas no menor tempo posible. “Detectamos un crecemento moi importante no seu uso”, indica o edil do Goberno municipal, que lembra que esta prestación leva activa no municipio desde hai máis dun lustro e que se pode acceder a ela mediante o uso dunha aplicación gratuíta ou ben accedendo á páxina web www.lineaverdepoio.com, así como chamando ao número de teléfono 902193768, en horario de 8.00 a 17.00 horas.

Entre os meses de xaneiro e decembro resolvéronse preto de 350 incidencias, o que supón case un 80% de todas as transmitidas por parte de particulares. A cantidade de avisos medrou con respecto a 2021, tal e como recoñece o edil de Servizos. “Hai que ter en conta que durante o último trimestre de 2022 os temporais e as inclemencias meteorolóxicas foron unha constante, o que sen dúbida derivou nun maior número de incidencias”, aseverou Julio Casás, que destaca a alta porcentaxe no que á resposta de peticións se refire e agradece o labor realizado polos operarios municipais, así como o interese da veciñanza en facer uso dunha ferramenta “de vital importancia e que cada vez está máis asentada en Poio”.

Con respecto á tipoloxía das incidencias rexistradas, o informe elaborado polos responsables de Liña Verde constatan que as cuestións relacionadas co alumeado público seguen a ser os avisos máis habituais, cun 16% do total, seguido moi de preto por peticións vencelladas á recollida do lixo (15%). Ademais, a través da Liña Verde tamén se deu resposta a avisos que tiñan que ver co estado de beirrarúas e mobiliario urbano, limpeza de camiños ou posta a punto de parques e xardíns. Julio Casás recorda que esta ferramenta tamén serve para solicitar información sobre cuestións como reciclaxe, vertidos, contaminación acústica, animais ou recomendacións de aforro. “As respostas a este tipo de solicitude realízanse por parte dos técnicos en 24 horas”, apunta o concelleiro de Servizos Municipais, que ten claro que “grazas á implicación directa dos veciños e veciñas o Concello de Poio pode axilizar actuacións e reparacións que sirvan para dar resposta ás incidencias rexistradas”. Neste sentido, Casás incide en que “para un municipio como o noso, coa dispersión xeográfica que ten, resulta de gran axuda que a veciñanza realice este tipo de avisos, porque reforzan o labor de inspección e revisión que os operarios municipais levan a cabo de xeito habitual”.

Desde a súa posta en marcha no ano 2016, o número de incidencias resoltas grazas á Liña Verde supera as 1.500. “É un dato positivo e confiamos en que continúe aumentando nos vindeiros anos”, afirma o edil do PSdeG-PSOE. Para poder facer uso deste servizo basta con descargar, de xeito gratuíto, a aplicación de Liña Verde, dispoñible tanto para Android como para Iphone. Unha vez instalada, no caso de que se queira dar parte dalgún aviso “é necesario premer no botón Nueva incidencia”, explica Julio Casás. A partir de aí, aparecerá un menú coas diferentes tipoloxías. En canto se selecciona a correspondente, a aplicación detecta as coordenadas exactas nas que se localizou o aviso. O usuario ou usuaria tamén ten a opción de adxuntar unha fotografía e unha breve descrición sobre a mesma. “A persoa encargada de dar parte da incidencia recibirá notificación sempre que se produza un cambio no estado da mesma”, engade o responsable de Servizos Municipais.

“Tanto a instalación da aplicación como a súa utilización é moi sinxela e intuitiva, o que sen dúbida axuda a que cada vez conte con máis descargas, algo que para nós é moi positivo”, conclúe Casás Barral.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio