Ángel Moldes sinala que estes proxectos “son prioritarios para ofrecer vías seguras e servizos básicos de calidade á cidadanía. Estamos acometendo demandas históricas dos veciños para mellorar as rúas e os espazos que levan anos sen arranxarse, convertendo compromisos en feitos para seguir avanzando”.
O Concello de Poio investirá preto de 300.000 euros para mellorar as infraestruturas e ampliar os servizos básicos en varios lugares do municipio. Así o explicou o alcalde, Ángel Moldes, esta mañá na Comisión de Facenda, previa á celebración do pleno ordinario de setembro, e na que indicou que estes cartos destinaranse a pavimentar camiños en Liñares, Paradela, Banda do Río, Ratea e San Martiño-Rial, así como a ampliar as redes de pluviais e saneamento no Peirao de Covelo e no Camiño da Coita.
Uns investimentos que, segundo indicou Moldes, “son prioritarios para ofrecer vías seguras e servizos básicos de calidade á cidadanía. Estamos acometendo demandas históricas dos veciños para mellorar as rúas e os espazos que levan anos sen arranxarse, convertendo compromisos en feitos para seguir avanzando”. Uns proxectos que, segundo as previsións do Goberno, vanse executar ao longo do último trimestre do ano. De feito, esta mañá o alcalde achegouse ata San Martiño para ultimar o proxecto que, neste caso, permitirá acondicionar e renovar o asfalto dunha pista moi transitada e que está nun estado de deterioro importante e que, polo tanto, supón un perigo para a circulación rodada.
Para acometer estes proxectos, o Concello de Poio utilizará unha parte dos ingresos recibidos a maiores da participación dos tributos do Estado correspondentes á liquidación positiva do PIE do ano 2022. Deste xeito, o pleno de setembro deberá aprobar unha modificación de crédito, na que tamén se inclúe ampliar en 335.000 euros algunhas das partidas dos orzamentos que están máis axustadas para realizar pagos a provedores así como para atender maiores gastos de persoal provocados por procedementos de indemnizacións que o Concello de Poio tivo que aboar este ano con motivo das sentenzas xudiciais emitidas correspondentes a anos anteriores.
“Apostamos por unha xestión responsable dos nosos recursos e a nosa prioridade é pagar aos provedores do Concello de Poio e intentar chegar a fin de ano coas contas saneadas”, sinalou Moldes. Neste senso, recorda que “o Goberno fixo unha gran xestión económica no último ano e medio, no que collemos un concello totalmente endebedado, non só polas débedas cos bancos, senón tamén porque había facturas sen pagar no caixón que superaban o 1,2M€ e un orzamento totalmente esgotado que condicionou toda a nosa xestión no último semestre de 2023 e tamén o orzamento municipal de 2024”.