Preto de 30.000€ en axudas para comedores escolares no último curso

19/08/2025

Desde abril as familias reciben un 33% máis de axuda, o que supón un importante esforzo orzamentario e unha clara mostra do compromiso do Goberno local coa conciliación.

O Concello de Poio reafirma o seu compromiso coas familias destinando, durante o último curso escolar, preto de 30.000 euros en axudas económicas dirixidas a reducir o custo dos comedores escolares e facilitar a conciliación da vida familiar e laboral.

Estas axudas permitiron rebaixar de xeito importante o prezo que as familias pagan polos menús escolares nos comedores que están funcionando nos colexios Isidora Riestra, Chancelas e Lourido, beneficiando deste xeito a numerosos nenos e nenas do municipio. Ademais, no último trimestre do ano xa se aplicou o incremento da axuda que o Concello de Poio aprobou, pasando de 1,5 euros a 2 euros por neno e menú, unha ampliación do 33% que supón un importante esforzo orzamentario e unha clara mostra do compromiso do Goberno local co benestar das familias. «Continuaremos traballando para mellorar a calidade de vida das nosas veciñas e veciños, especialmente das familias con crianzas, que son unha prioridade para este Goberno», sinala o alcalde, Ángel Moldes.

Precisamente, esta semana a Xunta de Goberno local aprobará as últimas axudas do curso, concretamente á ANPA do CEIP Isidora Riestra, relativas aos meses de abril, maio e xuño. Neste caso, durante estes últimos tres meses serviron un total de 922 comidas entre 28 nenos. E xa están aprobadas e abonadas as axudas para as ANPAS de Chancelas e de Lourido. No primeiro caso, entre abril e xuño serviron 1.842 comidas a un total de 84 nenos e, por último, no CEIP de Lourido, 2.057 comidas para 63 alumnos.

O pago destas axudas faise cada trimestre directamente ás Anpas, que a repercuten no prezo que cobran a cada familia polo uso deste servizo, ben sexa a través de días soltos ou de xeito continuado.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio