Preto de 200 persoas aspiran a unha das 14 prazas novas convocadas polo Concello de Poio

03/02/2026

O proceso de selección, que se desenvolverá ao longo deste ano, permitirá reforzar diferentes áreas municipais.

O Concello de Poio vén de pechar o prazo de presentación de solicitudes da súa última convocatoria de emprego público, á que concorreron un total de 198 persoas para optar a unha das catorce prazas de nova creación incluídas na oferta.

O obxectivo desta convocatoria é reforzar os servizos públicos e mellorar a atención á veciñanza, incorporando persoal en áreas clave do funcionamento diario do concello, como a atención social, as brigadas municipais ou na área de deportes. En concreto, as prazas ofertadas corresponden a dúas prazas de traballador/a social, cinco auxiliares de limpeza, tres operarios de servizos, un oficial de albanel e, dous axudantes de deportes e un monitor deportivo.

Todas as prazas cubriranse mediante o sistema de concurso-oposición. A fase de concurso terá carácter non eliminatorio e desenvolverase conforme á normativa vixente, mentres que a fase de oposición permitirá avaliar os coñecementos e capacidades das persoas aspirantes para o desempeño dos postos.

Segundo o calendario previsto polo Concello de Poio, na primeira quincena de febreiro publicaranse as listas provisionais de persoas admitidas e excluídas, abrindo un prazo para a presentación de alegacións. Unha vez resoltas, farase pública a listaxe definitiva, xunto coa data de constitución do tribunal, que será o encargado de fixar o calendario das probas selectivas. A previsión municipal é que todo o proceso selectivo quede resolto ao longo do terceiro trimestre do ano, permitindo así a incorporación progresiva do novo persoal ás distintas áreas municipais.

Desde o Concello de Poio valórase de xeito moi positivo a elevada participación rexistrada nesta convocatoria, que pon de manifesto a transparencia no procedemento, garantindo en todo momento a igualdade de oportunidades entre as persoas aspirantes.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio