Preto de 16.000 euros para cofinanciar os comedores escolares de Poio no primeiro trimestre do curso

05/02/2026

Outórgase unha axuda de 2 euros por comida e alumno que permite reducir a tarifa que pagan as familias por este servizo de conciliación. Natalia Sabarís indica que “para este Goberno é unha prioridade contar cuns servizos de calidade que faciliten a compatibilidade de horarios das familias de Poio, pero tamén que todas as familias que o precisen poidan facer uso deles en igualdade de condicións”.

O Concello de Poio destina 15.910 euros para cofinanciar os comedores escolares do municipio durante o primeiro trimestre do curso 2025-2026. Trátase dunha axuda de 2 euros por neno e menú que permite reducir de xeito significativo o prezo que pagan as familias por este servizo de conciliación, cun aforro medio aproximado de 42 euros ao mes.

Segundo o convenio anual asinado entre o Concello de Poio e as ANPAS dos centros educativos, esta achega económica concédese por cada comida servida e alumno usuario do comedor escolar. O importe da axuda incrementouse desde o pasado mes de marzo, ao pasar de 1,50 a 2 euros por menú.

No caso dos comedores dos CEIP de Lourido e Chancelas, nos que se serviron 2.801 comidas en cada centro entre os meses de setembro e decembro, a axuda ascende a 5.602 euros en cada caso. Pola súa banda, a ANPA do CEIP Isidora Riestra, con 1.575 menús servidos durante este período, recibe unha achega de 3.150 euros. Por último, o comedor do colexio de Espedregada, en Raxó, que se estreou este curso, repartiu 778 comidas, polo que a axuda municipal neste caso é de 1.556 euros.

A concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, destaca que “para este Goberno é unha prioridade contar cuns servizos de calidade que faciliten a compatibilidade de horarios das familias de Poio, pero tamén que todas as familias que o precisen poidan facer uso deles en igualdade de condicións”.

O pagamento destas axudas realízase directamente ás ANPAS, que repercuten o importe no prezo que cobran ás familias polo uso do comedor escolar, ben sexa por días soltos ou de maneira continuada.

Na actualidade, os comedores escolares de Poio contan con máis de 200 nenos e nenas inscritos, unha cifra que pode variar ao longo do curso en función das necesidades de cada fogar. Desde o Concello sublíñase que esta achega económica supón unha axuda significativa para garantir o acceso universal a este servizo esencial de conciliación familiar.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio