O Concello incluíu a instalación dunha nova estrutura de aceiro inoxidable con metacrilato para mellorar a cuberta nunha das zonas de nichos e evitar filtracións de choiva.
O Concello de Poio está a ultimar estes días os traballos de posta a punto e acondicionamento do cemiterio municipal de San Xoán, coincidindo coa inminente celebración do Día de Todos os Santos. Durante estas datas espérase unha maior afluencia de persoas que acoden a visitar e render homenaxe aos seus familiares e amizades falecidas.
Aínda que as labores de mantemento no cemiterio municipal se desenvolven ao longo de todo o ano, nos días previos a esta festividade os traballos refórzanse e intensifícanse, especialmente nas zonas verdes e nos accesos ao recinto.
Ademais, nos cemiterios xestionados por comisións parroquiais tamén se están levando a cabo tarefas de limpeza nos accesos e nos aparcadoiros. O Concello reforzará nestes espazos a dotación de contedores e a recollida das papeleiras, para garantir unhas condicións adecuadas durante as xornadas de maior tránsito.
Entre as melloras acometidas no cemiterio municipal destaca a instalación dunha estrutura de aceiro inoxidable con metacrilato, que achega claridade e, ao mesmo tempo, ofrece protección fronte á choiva nunha das zonas de nichos. Trátase dunha actuación solicitada reiteradamente polos propietarios dos nichos dende hai máis dunha década, co obxectivo de evitar filtracións e problemas derivados das inclemencias meteorolóxicas.
Desde o Goberno local sublíñase que esta mellora non supón un investimento elevado, senón unha cuestión de vontade e planificación, por iso se amosan satisfeitos de poder dar resposta a unha demanda histórica da cidadanía.