Poio volve ser sede dos actos centrais do Día da Galicia Mártir, coincidindo co aniversario do pasamento de Alexandre Bóveda

13/08/2025

Ángel Moldes: “O seu exemplo continúa a inspirar dende a diversidade, o pluralismo ideolóxico e o respecto mutuo, valores esenciais para a convivencia democrática”.

Poio volve ser sede dos actos centrais do Día da Galicia Mártir, que se conmemora o domingo 17 de agosto coincidindo co 89 aniversario do pasamento de Alexandre Bóveda.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes e a concelleira de Cultura, Natalia Sabarís, acompañados do secretario da Fundación Alexandre Bóveda, Ernesto Vázquez-Rey, deron a coñecer esta mañá a programación, que contará coa participación de representantes institucionais e entidades culturais e sociais, así como familiares e persoas que queren manter viva a súa memoria.

Neste día de lembranza, segundo destacou o alcalde, o mellor tributo que se pode facer a Bóveda é manter vivo o seu compromiso cunha Galicia plural, inclusiva e xusta: “O seu exemplo continúa a inspirar dende a diversidade, o pluralismo ideolóxico e o respecto mutuo, valores esenciais para a convivencia democrática. Esta é a mensaxe clara, de unión e plural que queremos trasladar desde o noso Concello”.

Nesta liña, recordou Bóveda é figura de encontro, e por iso debe facer reflexionar sobre a importancia da tolerancia e o respecto, porque ninguén pode ser sinalado, menosprezado ou cuestionado polas súas ideas políticas. Ademais, recordou que froito desta unión e consenso que hai no Concello de Poio respecto da figura de Alexandre Bóveda, o próximo ano o Día da Galicia Mártir será festivo local, ao ser declarado San Xoán festivo autonómico.

A homenaxe celebrarase, como vén sendo habitual, diante do monumento a Alexandre Bóveda que hai na Caeira. Comezará ás 13:00h, baixo a condución da concelleira de Cultura, Natalia Sabarís, e nel participarán o presidente da Fundación Castelao, Miguel Anxo Seixas, o presidente da Fundación Alexandre Bóveda, David Otero, así como a filla de Alexandre Bóveda e presidenta de honra da fundación, Amalia Bóveda. Rematará cunhas palabras do Alcalde de Poio, Ángel Moldes, seguidas da tradicional ofrenda floral por parte de entidades e institucións, e pecharase coa interpretación do himno galego a cargo da Escola de Música Tradicional de Poio.

Ademais, tal e como explicou Ernesto Vázquez-Rey, a Fundación Alexandre Bóveda tamén fará entrega do premio Galicia Mártir, que este ano recae en Enriqueta Otero Farto, máis coñecida como Enriqueta Molas, en honra ao segundo apelido do seu pai, un dos millóns de represaliados da ditadura franquista en España. Preside desde o ano 2007 a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica de Marín, un colectivo nado para manter vivo o recordo de todos aqueles que sufriron a represión.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio