Ángel Moldes pon en valor este investimento, “que vai repercutir directamente en mellorar a seguridade e a calidade de vida da cidadanía.
Poio é un dos concellos incluídos no plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente, a través do que mellorarán a conectividade e accesibilidade de quince paradas de autobús nas estradas autonómicas PO-308 e PO-310.
O alcalde, Ángel Moldes, pon en valor este investimento, “que vai repercutir directamente en mellorar a seguridade e a calidade de vida da cidadanía, ao mesmo tempo que se sigue fomentando o uso do transporte público”.
O proxecto, que foi aprobado provisionalmente esta semana no Consello da Xunta, inclúe a mellora dos apartadoiros para os autobuses e as súas cuñas de entrada e saída, así como o acondicionamento dos itinerarios peonís na contorna das paradas. Os traballos comprenden a colocación de refuxios de tipo rural e urbano, en función do lugar onde se encontre a parada, mellorando o equipamento, con postes, bancos ou apoio isquiático. Os refuxios que se instalarán foron deseñados pola Dirección Xeral de Mobilidade, dependente da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
Tamén se levará a cabo a mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil.
As obras incluirán medidas de seguridade, tamén con perspectiva de xénero, e eliminación de vexetación na zona de instalación dos refuxios, deseñados con paneis transparentes para que sexa visible a zona interior, o que mellorará a visibilidade, ademais de mellorar a iluminación ou a ampliación do espazo ao redor das propias paradas. Tamén se levarán a cabo traballos de reforzo do firme naqueles puntos en que se instalen as citadas marquesiñas.