“Poio ten alma mariñeira, e esta festa é o seu reflexo”: Moldes destaca o valor do sector na apertura da Festa da Ameixa

29/09/2025

Entregouse a Ameixa de Prata a quince mariscadoras e mariscadores xubilados no último ano. A programación ampla e para todas as idades continúa mañá sábado e o domingo, coa apertura dos postos de degustación ás 12.00 horas.

A Festa da Ameixa de Campelo inaugurouse esta tarde cunha homenaxe á xente do mar, na que se fixo entrega da Ameixa de Prata do Concello de Poio ás mariscadoras que se xubilaron no último ano. Un acto que estivo presidido polo alcalde, Ángel Moldes, e contou coa asistencia da Conselleira do Mar, Marta Villaverde Acuña, do delegado da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e da deputada provincial María Ramallo, así como membros da corporación municipal, representantes das confrarías e das agrupacións de marisqueo, de asociacións culturais, veciñais e deportivas de Campelo e das empresas do sector.

Durante a súa intervención, Moldes destacou o carácter emblemático e identitario desta festa, subliñando a súa importancia tanto para o sector como para Poio: “É para min unha gran satisfacción inaugurar unha nova edición da Festa da Ameixa de Campelo, a celebración gastronómica máis emblemática do noso concello e tamén a máis antiga. Un evento que nos permite poñer en valor un produto excepcional como é a ameixa da nosa ría, pero tamén homenaxear a un dos sectores máis importantes do noso municipio, a toda a xente que vive co mar e para o mar”.

O Concello de Poio tamén fixo entrega da Ameixa de Prata ás mariscadoras e mariscadores das tres confrarías que traballan en Poio (Raxó, San Telmo e Lourizán) xubiladas no último ano: Argentina Rodríguez Torres, Justa López Pérez, María Soledad Amestoy Pintos, María Esther Casás Barral, Mercedes Castiñeira Buceta, Ana María Fernández Castro, Evangelina García Garrido, Ángel García Torres, Ignacio Moreira Curra, Dolores Pazos Torres, Cristina Rodríguez Ruibal, Luisa Tarela Martínez, Rosa María Villanueva Castiñeira, Pablo Laíño Cajide e Mª Rosa González Carabelos. “Mulleres e homes do mar, mariscadoras e mariscadores que, co voso traballo incansable, facedes posible que un dos produtos máis emblemáticos da nosa ría e do noso concello chegue cada día ás nosas mesas. Sodes orgullo”, agradeceu o alcalde.

Durante a tarde, Concello de Poio e a Asociación Arela tamén deron a coñecer aos gañadores do Concurso de Fotografía da Festa da Ameixa, que repartiu 600 euros en vales para material fotográfico. Víctor Lorenzo Santiago foi o primeiro clasificado coa súa fotografía “Reflexos”. Marisol Amestoy Pintos con “Compañeiros en Acción”, foi a segunda e Vanessa López Abal, con “Bailando ao anoitecer”, terceira.

Tras o acto institucional, os asistentes xa puideron degustar as primeiras racións de ameixa á mariñeira, ameixa con fideos e ameixa con arroz nos postos de venta. Cantos da Terra e Bahía de Tambo puxeron a música no certame de Canción Mariñeira.

A programación continúa este sábado e domingo, coas casetas de degustación abertas desde as 12:00 horas, e actividades para todas as idades. Moldes tamén anunciou que a festa terá continuidade máis alá da fin de semana: “Este ano a Festa da Ameixa terá continuidade tamén ao longo do mes de outubro cunha xornada técnica dirixida especialmente ao sector, así como con xornadas gastronómicas nos restaurantes do municipio. Queremos que esta celebración sexa tamén un espazo de encontro, reflexión e promoción do produto durante todo o ano”. Nesta liña, indiciou que “seguimos facendo de Poio un lugar onde sempre apetece estar, tamén fóra do verán, tamén cando non hai turistas, porque aquí hai vida todo o ano”, convidando á cidadanía a gozar dunha festa que é símbolo da identidade mariñeira de Poio.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio