O proxecto, que supera o millón de euros, proporcionará atención integral ás persoas usuarias, incluirá un espazo de encontro interxeracional e reservará unha ampla zona verde con áreas de xogos tradicionais. Ángel Moldes subliña que recursos como este “significan atención, agarimo, actividade e socialización para os maiores, pero tamén apoio e respiro para as súas familias”.
O Concello de Poio solicitará fondos do Plan Provincial Extraordinario da Deputación de Pontevedra para transformar a antiga gardería de Campelo nun Centro de Maiores, un espazo de referencia que proporcionará atención integral ás persoas maiores do municipio. O proxecto inclúe tamén a creación dunha sala multiusos como punto de encontro interxeracional e reserva unha ampla zona verde de esparcemento, con áreas de xogo e lecer, que contará cun campo de petanca, o tradicional xogo da rá, e varias mesas de xadrez e parchís.
O alcalde, Ángel Moldes, explica que a Xunta de Goberno Local aprobará esta semana o proxecto, cun orzamento que supera o millón de euros. “O obxectivo é reforzar a rede de servizos sociais de proximidade, mellorar a calidade de vida da nosa poboación maior e contribuír á cohesión territorial e demográfica”, sinala.
A reconversión da antiga gardería permitirá, ademais, prestar atención profesional ás persoas maiores sen que teñan que abandonar a súa contorna habitual, favorecendo así a permanencia dos fogares e o apoio aos coidadores. O novo centro ofrecerá programas de estimulación cognitiva, rehabilitación, servizo de cociña e comedor adaptado, transporte e acompañamento, entre outros. Estes servizos contribuirán a mellorar de maneira directa o benestar das persoas usuarias e das súas familias, reducir ingresos hospitalarios e reforzar a coordinación entre a atención social e sanitaria.
Moldes destacou a súa ilusión porque este proxecto poida facerse realidade canto antes, xa que supón “un compromiso adquirido cos veciños e veciñas de Poio”. “Este é o mandato dos feitos: situamos as persoas e as políticas sociais no centro da acción de Goberno”, afirmou.
O rexedor lembra que o Concello adquiriu a antiga gardería de Campelo a principios de 2024, coa intención de convertela “nun referente na atención ás persoas maiores e nun revulsivo social e económico para toda a contorna de Campelo”. Ademais, subliña que recursos como este “significan atención, agarimo, actividade e socialización para os maiores, pero tamén apoio e respiro para as súas familias”.
Neste sentido, Moldes destacou a necesidade de adaptar os equipamentos e servizos á realidade demográfica de Poio, onde máis do 20% da poboación ten máis de 65 anos e arredor de 1.000 veciños superan os 80, case o 6%. “Os proxectos deben estar ao servizo das persoas, para mellorar a súa vida e facer de Poio un concello mellor para vivir, con independencia da idade ou das circunstancias persoais e familiares”, conclúe.