Poio salienta o potencial do turismo responsable e comprometido co benestar animal

30/07/2025

Rocío Cochón visita o Centro Kennels, en Combarro, polo seu décimo aniversario e agradece aos seus fundadores “unha década axudando a que o noso Concello sexa un referente en conxugar calidade turística con valores sólidos como o coidado dos animais”.

O concello de Poio continúa consolidando o seu modelo turístico, baseado nunha oferta da máxima calidade, internacional e destacionalizada, pero tamén comprometido e con valores sólidos, como o coidado dos animais.

A concelleira de Turismo, Rocío Cochón, visitou esta semana o Centro Kennels, en Combarro, con motivo do seu décimo aniversario para recoñecer o labor deste establecemento e destacar o potencial do turismo responsable e comprometido co benestar animal.

Durante a visita, Cochón estivo acompañada polos responsables, Manuel Lorenzo e Melanie Standing, que lle explicaron a concepción do centro, precursor no aloxamento e coidado canino, e a súa evolución desde a súa apertura en xullo de 2015 nos terreos do antigo campo de fútbol da parroquia. Tamén se uniron á visita dúas hóspedes ‘de toda a vida’, as peludas Charlotte e Chica, coas que percorreron as instalacións.

A edil subliñou as sinerxias co resto do sector turístico do Concello: “Sabemos que hai moitos visitantes que veñen a Poio ou a comarca a pasar as súas vacacións específicamente porque saben que tamén dispoñen dun lugar extraordinario para aloxar ás súas mascotas”. Ademais, o aloxamento por horas ou servizo de gardería permite ao resto da familia visitar lugares onde non se permite a presenza de animais, como Tambo ou as Illas Atlánticas.

Destacou así mesmo o carácter pioneiro do establecemento desde a súa creación, cun modelo afastado doutros aloxamentos para mascotas. O complexo, de máis de 10.000 m² de superficie, conta con 30 canís, ou ‘habitacións’ individuais con espazos diferenciados e zona común de xogo e socialización, e distintos servizos adaptados

Nese sentido, os responsables explicaron que, ademais do Turismo con mascotas, que representa a maioría dos usuarios, o Centro tamén cubre outras necesidades, como hospitalizacións ou motivos de traballo. De feito, recordaron que nestes 10 anos houbo momentos como a pandemia da Covid, cando foron un dos poucos establecementos turísticos que permaneceron abertos para atender, entre outros, ás mascotas do persoal sanitario e outros servizos esenciais.

Por último, Cochón subliñou o potencial do turismo responsable e comprometido co benestar animal, xa que este centro é “un dos poucos en Poio e na comarca con preto do 100% durante todo o ano, e ademais contribúe a que outros establecementos poidan ter máis reservas ou clientes”. Por iso, rematou agradecendo aos propietarios e ao persoal do Centro “unha década axudando a que o noso Concello sexa un referente en conxugar calidade turística con valores sólidos como o coidado dos animais”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio