As empresas poden presentar as súas propostas ata o 3 de xuño, cun orzamento de licitación que ascende a preto de 730.000 euros.
O Concello de Poio avanza a bo ritmo para facer realidade a recuperación da contorna e a mellora da mobilidade entre Casalvito e O Padrón, un proxecto que ascende a preto de 730.000 euros. Así, apenas quince días despois de que se asinase o convenio entre a Deputación de Pontevedra e o Concello de Poio, xa se aprobou o expediente en Xunta de Goberno local e abriuse o proceso de licitación, para o que as empresas poden presentar as súas ofertas ata o 3 de xuño. Trátase dun procedemento de contratación aberto, cuxo prazo de execución establécese en oito meses.
O proxecto inclúe unha actuación integral que vai a mellorar a calidade de vida dos veciños, ademais de dar unha maior seguridade para os peóns e crear novas zonas de comunicación con Combarro de xeito máis seguro e como alternativa á P0-308.
O proxecto inclúe melloras nas rúa Cela e na rúa Padrón, na parroquia de Combarro, e na travesía de Casalvito, en San Xoán, e os seus tres ramais para convertelos en espazos máis accesibles e seguros, ao mesmo tempo que se poñen en valor estas zonas. Así, inclúese a renovación do pavimentado en toda a superficie de intervención, eliminando todas as barreiras arquitectónicas e creando unha plataforma única, dotación de servizos, iluminación LED, soterramento de instalacións de subministros e sinalización.
Estas rúas conectan as parroquias de San Xoán e Combarro, con grande interese tanto veciñal, para servizos sanitarios, alimentarios…, como turístico, ao situarse ao carón do casco histórico de Combarro e ser paso da variante espiritual do Camiño de Santiago. Mellora tamén o acceso á praia do Padrón, así como do conxunto histórico e pon en valor este espazo utilizando materiais máis sensibles coas contornas tradicionais, onde existen elementos con grande interese cultural e patrimonial, como son os cruceiros, lavadoiros…