A Xunta de Goberno Local aprobará esta semana o prego de cláusulas administrativas para contratar a fabricación e instalación dos novos módulos. O obxectivo é garantir ás persoas usuarias das praias servizos sanitarios e de primeiros auxilios en condicións óptimas de hixiene, seguridade e confort.
A Xunta de Goberno Local do Concello de Poio aprobará esta semana o prego de cláusulas administrativas que permitirá sacar a licitación a fabricación e instalación de novos baños públicos e dun posto de socorrismo na praia de Cabeceira, en Lourido. O investimento previsto para este proxecto ascende a 45.000 euros e ten como finalidade ofrecer á cidadanía servizos sanitarios públicos e de atención básica en condicións óptimas de hixiene e seguridade.
O módulo situarase no mesmo emprazamento da caseta actual, que debido ao seu elevado deterioro non pode ser reutilizada. As novas instalacións terán unhas dimensións aproximadas de 8,34 metros de longo, 2,36 metros de ancho e 2,85 metros de altura. Incluirán aseos femininos e masculinos, cada un cun inodoro individualizado e lavabo, adaptados para persoas con mobilidade reducida. Pola súa parte, o posto de socorrismo contará cun espazo destinado á vixilancia, primeiros auxilios e coordinación de emerxencias.
A praia de Cabeceira é un dos dous areais de Poio que conta co distintivo de Bandeira Azul. Ata o de agora, para cumprir cos requisitos de calidade, durante os meses de verán recorríase ao alugueiro de aseos portátiles. O Concello prevé amortizar este investimento en dous anos; a partir de aí, a instalación suporá un aforro en alugueiros ademais de mellorar de maneira notable o servizo ofrecido.
Unha vez publicado o prego de cláusulas no Perfil do Contratante, as empresas interesadas disporán de quince días naturais para presentar as súas ofertas. Tras a formalización do contrato, o prazo máximo de execución será de mes e medio, polo que, segundo os prazos manexados pola administración local, o novo servizo poderá estar operativo ao inicio da tempada de praias. Os criterios de adxudicación contemplan ata un máximo de 60 puntos para a oferta económica e 40 puntos para o prazo de entrega e instalación.