Para o Goberno local, “este aumento na actividade turística ten que ser compatible con garantir a calidade dos servizos e a calidade de vida da veciñanza”
O sector turístico de Poio rexistrou unha ocupación media do 71% durante o mes de xullo, un aumento de 7 puntos sobre os datos de 2024 (64,36 %) e de 10 puntos sobre 2023 (60,89%).
A concelleira de Turismo, Rocío Cochón, cifrou no 67% a ocupación na primeira quincena do mes e no 75% a segunda quincena, un aumento importante con respecto aos mesmos períodos dos dous últimos anos, e recordou que esta subida produciuse ao mesmo tempo que creceron as prazas de aloxamento dispoñibles.
Cochón quixo destacar tamén a puxanza doutras actividades, como o turismo náutico, o xacobeo e as visitas á Casa-Museo de Colón. En relación á primeira, o Porto Deportivo de Combarro tivo o 97% dos seus máis de 300 amarres ocupados durante o mes, e a celebración do Encontro Náutico do centenario Irish Cruising Club irlandes. A Marina combarresa colgou xa o cartel de ‘completo’ para agosto, co 100% dos amarres reservados.
As variantes xacobeas que atravesan o Concello tiveron unha gran actividade, con máis de 1.000 persoas que selaron a súa Compostela no Concello ou no Mosteiro, procedentes de todas as Comunidades Autónomas e de medio centenar de países dos cinco continentes, que nalgún día superaron os 100 peregrinos. Un dato moi positivo, xa que non inclúe fins de semana, festivos e determinados horarios. Así mesmo, o Museo de Colón recibiu 150 visitantes, un tercio deles estranxeiros, coa presenza de académicos, expertos e interesados na teoría do Colón Galego procedentes de Estados Unidos, norvegueses, arxentinos ou brasileños.
Por último, nas oficinas de turismo situadas no Casal de Ferreirós, en San Salvador, e na Escola do Campo, en Combarro, as profesionais atenderon máis de 2.000 usuarios, cunha porcentaxe cada vez maior de visitantes estranxeiros.
Cochón subliñou que “o sector turístico de Poio tamén está no seu mellor momento”, con máis prazas dispoñibles e máis visitantes en tempada alta, pero tamén o resto do ano, cunha maior internacionalización, diversificación e desestacionalización. “Un crecemento que é posible grazas ao esforzo coordinado do sector e a administración local, cunha programación estival de calidade ou máis prazas de aparcamento”. Con todo, explicou que “este aumento na actividade turística ten que ser compatible con garantir a calidade dos servizos e tamén a calidade de vida dos residentes”. Por iso, afirmou polo que o Goberno local continuará vixiando para asegurar o cumprimento das normas “e garantir a a mellor convivencia entre as actividades turísticas e a veciñanza”
REFORZO DA OFICINA DE TURISMO DO CASAL DE FERREIRÓS
Tamén durante este mes a Oficina de Turismo do Casal de Ferreirós viuse reforzada coa incorporación dunha técnica, contratada ao abeiro dunha subvención da Deputación de Pontevedra de 7.000 euros.
Ademais, renovouse a sinalética e os elementos visuais coa nova imaxe de marca de Turismo Rías Baixas, rede á que está adscrita a Oficina.