Poio rexistra importantes incidencias no alumeado público polo impacto da borrasca Nelson

03/04/2024

O paso da borrasca Nelson tivo un grande impacto no alumeado público de Poio, que rexistrou numerosas incidencias que provocaron fallos importantes e apagóns dos farois en distintas rúas do municipio.

Así, debido ás tormentas destes días saltaron os diferenciais de varios cadros eléctricos do alumeado público que afectaron a varias zonas, nalgúns casos provocada pola alta sensibilidade das luminarias led á humidade e tormentas que provoca que salten os limitadores, pero os principais danos producíronse en cadros eléctricos de Samieira. Concretamente, houbo problemas nos cadros da Estrada Teinogueira, Monte Covelo e Area da Barca. Cada un deles dá servizo a múltiples camiños, polo que provocaron apagóns nos farois de todos eles.

O cadro de Área da Barca sufriu unha avaría a causa da caída dun raio, que danou varios elementos do propio cadro eléctrico, entre eles o interruptor xeral, e aproximadamente trinta puntos de luz que é preciso substituír. Uns danos cuantiosos á rede eléctrica do concello para os que os electricistas municipais xa están traballando para solucionalo o antes posible. Nos casos dos farois que é preciso substituír, hoxe xa deixaron algúns en funcionamento, para asegurar iluminación nos diferentes lugares, pero ata os próximos días non quedarán completamente resoltas todas as incidencias.

Desde o Concello de Poio agradecen aos electricistas municipais o traballo intenso que fixeron e continúan realizando durante estes días, intentando solucionar a situación e cuantificando todas as incidencias.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio