Poio reúne a primeira Mesa de Turismo para “construír o mellor futuro para o sector entre todos”

07/03/2024

Con máis de 20 representantes das actividades turísticas, administracións, grupos políticos e o tecido social e económico do municipio.

A Mesa de Turismo de Poio celebrou este mércores no Casal de Ferreirós a súa primeira reunión, unha sesión extraordinaria para a súa constitución. Desde o Concello aspírase a que este órgano consultivo sirva como espazo de encontro entre as administracións, o sector e o tecido social e económico e, entre todos, “construír o mellor futuro para o sector”.

A primeira reunión contou con máis dunha vintena de asistentes, en representación das distintas actividades e entidades, e estivo presidida polo alcalde, Ángel Moldes. Por parte do Goberno Municipal participou tamén a concelleira de Turismo, Rocío Cochón, coa técnica municipal de Turismo, exercendo as funcións de secretaría.

Ademais, nesta primeira reunión participaron representantes de Turismo de Galicia e Turismo Rías Baixas, da Mancomunidade do Salnés e dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) Ría de Pontevedra e os grupos Políticos presentes na Corporación. Asistiron tamén representantes das empresas de aloxamento, vivendas de uso turístico, servizos turísticos complementarios, transporte de viaxeiros por mar, así como empresarios e o sector da hostalería.

O tecido asociativo e veciñal tamén estivo moi presente, con representación das asociacións veciñais, culturais, deportivas, as Comunidades de Montes e o sector do Mar.

Na súa intervención inicial, o alcalde explicou o principal obxectivo da Mesa: “Que as estratexias turísticas a curto, medio e longo prazo sexan froito do consenso” e non nazan da imposición, senón “respaldadas polo sector e coas achegas de todos”.

Moldes indicou que a Mesa reunirase dúas veces ao ano e que a orde do día estará aberta ás suxestións de todos os membros. Ademais, o traballo continuado plasmarase nun Plan Estratéxico para non improvisar, senón que o traballo sexa continuado e represente a realidade do sector e do concello. “Queremos que as conclusións desta mesa sirvan de folla de ruta para o turismo de Poio”, subliñou.

A continuación, tomou a palabra a concelleira de Turismo, Rocío Cochón, que fixo un repaso das principais accións turísticas do novo Goberno e trazou as liñas mestras das estratexias para os próximos meses.

Ademais da propia constitución da Mesa de Turismo, Cochón debuxou unha radiografía do estado do sector turístico en Poio, cos últimos datos de actividades turísticas, ocupación e visitantes, destacando as 4.243 prazas dispoñibles actualmente, o máximo histórico, así como o 76% de ocupación media en temporada alta en 2023 e os máis de 12.000 visitantes atendidos polas oficinas de información municipal.

A edil explicou tamén o estado da solicitude de Festa de Interese Turístico de Galicia para a Ameixa de Campelo, aprobada por unanimidade no pleno de xaneiro e que xa foi remitida á Xunta, xunto cunha memoria xustificativa de máis de 150 páxinas. Cochón expresou a súa esperanza de que a próxima edición da Ameixa, a número 36, sexa a primeira como Festa de Interese Turístico “xa que Campelo e Poio meréceno”, e indicou algunhas curiosidades do proceso de investigación, como a estreita relación entre a actividade marisqueira en Campelo e o resto de lugares da ría, como Tambo, que podería remontarse a máis de 2.000 anos, en relación aos restos arqueolóxicos que están sendo descubertos na Illa.

Destacou tamén que a Festa de Campelo é a máis antiga das dedicadas á Ameixa das que se celebran en Galicia, e a que se celebrou máis tempo de forma ininterrompida, con catro edicións máis que, por exemplo, a de Carril, en Vilagarcía: “A nosa Ameixa merece todos os recoñecementos, por senlleira, única, valiosa e arraigada en toda a ría de Pontevedra”.

A continuación, un breve resumo da histórica participación de Poio en Fitur 2024, a primeira vez que o Concello tivo presenza con entidade propia na maior feira internacional de Turismo, e onde puido amosarse ante o mundo como “un destino verde, sostible e único para visitar os 365 días do ano”.

Cochón destacou o gran protagonismo de Tambo, que foi “o gran photocall do expositor de Galicia”, cun vídeo promocional a cuxa proxección asistiron o presidentes da Xunta e a Deputación, e unha imaxe que tivo e segue a ter gran repercusión, e destacou que a Illa segue a ser actualmente a imaxe de Galicia en distintas feiras nacionais e internacionais, como a recente ITB Berlin.

Tratouse tamén o recoñecemento de dous novos “sendeiros azuis” aos Muíños de Samieira e á Senda do Laño, que se unen á Variante Espiritual do Camiño Portugués e á Senda Litoral de Poio, que renovan o galardón concedido por ADEAC, así como á Bandeira Azul da praia de Cabeceira: “Case 20 km de itinerarios ambientalmente sostibles que supoñen un recoñecemento á aposta do Goberno por mellorar, coidar e poñer en valor o noso patrimonio natural e paisaxístico”

Ademais, Cochón debullou os resultados da campaña “no Bo Camiño”, de información e mellora da experiencia dos peregrinos que percorren as rutas xacobeas que atravesan Poio, variante Espiritual e Padre Sarmiento. Destacou a recollida de datos de máis de 2.000 peregrinos de 50 nacionalidades dos cinco continentes en apenas tres meses de 2023: “Datos que certifican o gran potencial de Poio como concello Xacobeo e que respaldan a capacidade de desestacionalización, internacionalización e fomento dun turismo sostible e de calidade que supón o Camiño ao seu paso por Poio”.

A edil destacou tamén os avances realizados polo novo Goberno en áreas distintas de Turismo pero que teñen un gran impacto no sector, como a dotación de estacionamento en lugares como Combarro, ou o avance normativo en distintas áreas.

Por último, explicáronse obxectivos e iniciativas que plantexa a Concellería a medio prazo, específicamente na atracción de turismo desestacionalizado, sostible de calidade, respectuoso coa contorna e a veciñanza, e que se centra en catro eixos: o turismo gastronómico, mariñeiro, natural e o relacionado co Camiño de Santiago, ademais da posta en valor dun recurso estratéxico: a Illa de Tambo.

A presentación deu lugar a un coloquio no que os presentes agradeceron a creación da Mesa, destacando a súa representatividade e as distintas iniciativas innovadoras presentadas. Destacouse tamén a necesidade de intercambiar información entre os sectores e as administracións, para acompasar a oferta e a demanda, e establecer sinerxias entre as distintas actividades.

Cochón agradeceu o enorme interese do sector por participar na Mesa e por contribuir ao futuro do Turismo de Poio: “Somos un concello de Interese Turístico desde hai 24 anos e é importantísmo traballar xuntos para ser líderes en turismo sustentable e de calidade e construír o mellor destino posible”.

“Sigamos intentando aproveitar ao máximo o potencial turístico, ofrecer aos que nos visitan unha experiencia inmellorable e única e garantir que esa excelencia turística sexa compatible coa sustentabilidade, o resto de actividades e a protección e mellora do noso patrimonio natural e cultural“, rematou: “Grazas a todos por estar dispostos a traballar unidos polo turismo, que é o mesmo que dicir traballar unidos por Poio”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio