Poio renova máis de 450 contedores e logra importantes melloras no servizo de limpeza e recollida de lixo

07/09/2025

O Goberno local negociou importantes melloras na limpeza e recollida de lixo sobre as condicións incluídas no contrato de adxudicación asinado en 2017. A empresa Valoriza tamén cambiou os equipos de limpeza, mellorando así o servizo que se presta á veciñanza.

Poio renovará nos próximos días máis de 450 contedores de lixo de fracción resto (verdes) en todo o municipio. O Concello recibiu esta semana os novos depósitos, cunhas especificacións técnicas de maior durabilidade e resistencia e máis accesibles, que comezará a substituír de forma gradual nos vindeiros días, o que vai repercutir nun mellor servizo e garantir un entorno máis limpo. 

Ademais da renovación dos contedores, a empresa concesionaria do servizo, Valoriza, tamén está a renovar a súa flota de vehículos e equipos de limpeza, que incluirá: catro furgonetas para servizos comúns e limpeza viaria, un camión de carga lateral e outro con grúa e plataforma; catro carros portacubos; e papeleiras, desbrozadoras e soplantes para a limpeza viaria. Está previsto incorporar nos próximos días tamén unha varredora e un camión de gran capacidade para reforzar aínda máis o servizo.

MELLORAS MÁIS ALÁ DO CONTRATO VIXENTE

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, salientou que o Concello logrou que a empresa concesionaria amplíe e mellore de forma significativa as condicións do contrato de limpeza e recollida de lixo asinado en 2017, sen que iso supoña un aumento de custo para as arcas municipais.

Así, grazas ás negociacións realizadas, mellórase de maneira significativa a frecuencia de recollida de distintos residuos respecto ao estipulado no contrato vixente. A recollida de cartón, que inicialmente se realizaba cada quince días, pasa a facerse semanalmente e, durante o verán, dúas veces por semana. O mesmo ocorre coa recollida de vidro, que tamén se intensifica: agora faise unha vez á semana e, no caso de Combarro, incluso dous días por semana.

No referente aos residuos voluminosos e aos depósitos incontrolados, a situación tamén mellora substancialmente. Se antes se recollían voluminosos cada quince días e incontrolados seis veces ao ano, actualmente faise unha recollida case diaria, dando resposta ás necesidades reais da veciñanza. Ademais, nas zonas máis rurais, aínda que non está recollido no contrato, o Concello conseguiu que a empresa actúe de maneira máis flexible, retirando o lixo cando se detectan contedores cheos ou desbordados.

A limpeza durante as festas tamén se reforza. O contrato inicial contemplaba só seis eventos ao ano, pero agora o servizo esténdese a todas as celebracións que teñen lugar no municipio, incluídas aquelas organizadas polas comisións de festas.

En canto á atención á hostalería en Combarro, os avances tamén son notables. A recollida, que nun principio só estaba prevista para o peirao vello, amplíase a máis zonas e con maior frecuencia, chegando a realizarse dous días por semana durante o verán, tanto en horario de mañá como despois das comidas, a maiores do servizo de recollida porta a porta para os veciños, mellorando así a comodidade e eficacia do sistema.

No caso das papeleiras das praias, a recollida, que ata agora era diaria, refórzase engadindo un segundo pase polas tardes e outro os domingos pola mañá. Tamén se intensifican os traballos de baldeo de alta capacidade, que agora abranguen novas zonas da estrada xeral, así como limpeza dos contedores seis veces ao ano.

UNHA APOSTA POR MELLORAR SEN INCREMENTAR O CUSTE

O alcalde sinalou que a prioridade do Goberno local é manter e mellorar o servizo sen incrementar os custos, evitando rescindir o contrato actual, o que suporía ter que licitar un novo con condicións máis caras.

“Estamos a traballar para mellorar un servizo que, coas condicións asinadas en 2017, é claramente insuficiente. Conseguir estas melloras require unha intensa negociación, porque a empresa podería limitarse a cumprir estritamente o que marca o contrato. Por iso, é unha prioridade para este Goberno seguir avanzando e garantir un servizo de calidade para toda a veciñanza”, afirmou o alcalde.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio