Para Ángel Moldes un dos éxitos máis importantes “é que involucra a toda a veciñanza, a colectivos e negocios, todos forman parte do Día de Colón, contribúen a facer que esta sexa unha festa do máis especial”.
Rúas engalanadas e moito ambiente e espírito medieval para render homenaxe a Cristóbal Colón con dous días de festa en Combarro nas que non só se defende a procedencia galega do navegante, senón que se aposta por unha programación variada, atractiva e de calidade para toda a familia coa que encher de vida as rúas nunha aposta clara pola dinamización socioeconómica do municipio.
Aínda que o mercado artesanal na Praza da Chousa comezou ás 17.00 horas, non foi ata as 20.00 horas, coa chegada da Nao Santa María con Colón e a súa tripulación cando o auténtico ambiente medieval encheu cada rúa de Combarro, acompañados de músicos e moita animación. O escritor Rodrigo Costoya Santos, autor de “Portosanto”, foi o encargado de dar lectura ao pregón, ao que continuaron bailes medievais da asociación Leucoíña, unha das agrupacións organizadoras do Día de Colón, xunto con Combrus, Vides Novas e o Concello de Poio.
O alcalde, Ángel Moldes, que participou no arranque da festa, subliñou que para Combarro e para Poio contar cun evento destas características supón unha oportunidade e un retorno moi importante a nivel social, cultural e económico. Como exemplos, apuntou que hai preto de cen persoas que solicitaron organizar os seus xantares nas rúas e moitos dos restaurantes de Combarro xa colgaron o cartel de completos días antes do evento. Un dos éxitos máis importantes do Día de Colón, engadiu, “é que involucra a toda a veciñanza, a colectivos e negocios, todos forman parte do Día de Colón, contribúen a facer que esta sexa unha festa do máis especial”.
A festa continúa mañá, sábado, cunha xornada moi completa de actividades e propostas para todas as idades. Desde as 11.00 horas sucederanse polas rúas de Combarro talleres demostrativos de canteiros, cesteiras, palilleiras, redeiras…, clases de esgrima medieval e tiro con arco, actividades para os máis pequenos, música e teatro na rúa, exhibición de cetrería, bailes medievais, xogos, xusta medieval, concertos e espectáculo de lume.