Poio reivindica polo 17M o compromiso de todos para que o galego siga soando, creando e medrando

19/05/2025

Entregáronse os premios da XXXIII edición do Concurso literario Xaime Illa Couto, en colaboración coa SCD Raxó.

O Concello de Poio reafirmou hoxe o seu compromiso coa lingua e cultura galegas durante o acto principal para render homenaxe ás Letras Galegas. Foi no Centro Cultural Xaime Illa, onde o alcalde Ángel Moldes asegurou que “as letras galegas son patrimonio de todos e de todas as galegas” e apostou porque “o noso idioma siga soando, creando e medrando, porque mentres haxa quen o fale, o galego nunca morrerá”.

No acto fíxose entrega dos premios da XXXIII edición do Concurso Literario Xaime Illa, impulsado pola SCD Raxó, e contaron coa participación de Xosé Luis Pastoriza, doutor en filosofía e investigador que amosou, dun xeito moi lúdico, didáctico e participativo a figura, obra e curiosidades sobre Xaime Illa. De feito, non só baseou a súa tese sobre Xaime Illa, senón que tamén foi comisario da exposición “Xaime Isla Couto: raíz e utopía de Galicia” e mesmo ten editado e coordinado publicacións sobre el.

Moldes sinalou que “a celebración das Letras Galegas é unha oportunidade para celebrar a nosa lingua, a nosa literatura e a nosa identidade como pobo, e a poñer en valor a todas as persoas que, co seu traballo literario, cultural e social, contribúen a manter viva a lingua galega”: Neste senso, recoñeceu que “a poesía popular oral e as cantareiras son grandes figuras na transmisión da cultura e lingua galegas, contribuíndo de xeito importante a manter viva a nosa tradición e manter vivo o noso idioma xeración tras xeración”. Así, en Raxó tamén soou a música e a voz das cantareiras do Ronsel, unha das agrupacións tradicionais do municipio. Para rematar, a Escola de Música Tradicional de Poio tocou o himno galego.

PREMIADOS DO CONCURSO

O xurado encargado de analizar e valorar as obras presentadas premiou, na categoría A, de 6 a 8 anos, a Pablo Calvo Rodríguez, do CEIP Chancelas, na modalidade de relato curto, mentres que en poesía o premio recaeu en Alicia Outón Quiñones, do CEIP Espedregada.

Na categoría B, de 9 a 11 anos, os traballos premiados foron os de Gabriela Ferreiro Pérez, do CEIP Lourido, en relato curto, e de Aquiles Bentes dos Santos, do CEIP Espedregada, en poesía.

A poesía de Celia Galiano Outón, do CEIP Espedregada, e o relato de Sofía López Lores, do CEIP Lourido, foron os gañadores na categoría de 12 a 13 anos.

De 14 e 15 anos, Samuel Cochón Alonso, do IES de Poio, gañou na modalidade de poesía, quedando deserto o premio en relato curto e as dúas modalidades na categoría de 16 a 17 anos. E, por último, na categoría F, maiores de 18 anos, os premiados foron Rocío Leira Castro, de Cee (A Coruña) en relato curto e Sergio Martínez Calvo, de Vilagarcía de Arousa, en poesía.

Na XXXIII edición do concurso participaron preto de 120 traballos de toda Galicia e, incluso, houbo algún participante a nivel nacional. Tanto o xurado como a organización do concurso salientaron a grande calidade das creacións literarias.

RESTO DA PROGRAMACIÓN

Mañá domingo 18, a programación das Letras Galegas continúa no centro cultural co espectáculo A Maxia das Letras, a cargo do Mago Samuel. Trátase dun proxecto dirixido ao público infantil e adulto que combina maxia e creatividade para fomentar o amor polos libros e a lectura, destacando figuras homenaxeadas no Día das Letras Galegas. A partir das 18.30 horas e con entrada de balde. Conta coa colaboración do programa Ler conta Moito, da Xunta de Galicia.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio