Poio reforza a atención turística para ofrecer aos visitantes a mellor experiencia: “un verán en Poio”

01/07/2024

A Oficina de Turismo do Casal de Ferreirós incorpora a unha nova técnica contratada temporalmente mediante unha subvención de case 7.000 euros da Deputación de Pontevedra.

A chegada do mes de xullo trouxo consigo un importante reforzo na atención turística no concello de Poio. A partir deste luns, a Oficina de Turismo do Casal de Ferreirós conta cunha nova técnica para a atención e información ao público, contratada de forma temporal ao abeiro dunha achega de 6.715,50 euros da Deputación de Pontevedra.

A subvención forma parte dun paquete de axudas da institución provincial para fomentar a competitividade e a profesionalización nas oficinas de turismo adheridas á rede “Info Rías Baixas”, á que pertencen as instalacións do Casal de Ferreirós.

Segundo explicou a concelleira responsable da área, Rocío Cochón, esta achega permitiu a contratación temporal dunha profesional para potenciar a atención e a información aos visitantes durante os próximos catro meses, coincidindo coa maior afluencia turística. O custe total deste reforzo ascende a 8.954 euros, dos que a subvención provincial cubre o 75%, mentres que o 25% restante será sufragado polo Concello de Poio.

A maiores deste reforzo de persoal en Ferreirós, a colaboración entre Concello e Deputación tamén fixo posible ampliar a oferta de material informativo dispoñible en todas as oficinas de turismo e para a súa distribución aos establecementos hoteleiros. Grazas á axuda da Deputación, este material tivo custo cero para as arcas municipais.

A responsable de Turismo achegouse á oficina de información para dar a benvida á nova profesional, agradencéndolle por adiantado, xunto co resto do persoal do departamento, “facer que o primeiro contacto de moitos visitantes con Poio sea positivo”, e subliñou que con esta incorporación e co novo material, tanto as instalacións de Ferreirós como a Oficina de Turismo situada na Escola do Campo de Combarro están plenamente operativas e preparadas para amosar e explicar os atractivos do concello e of. No caso do Casal de Ferreirós o horario de atención ao público é de 8:30 a 14:30 horas e de 17:30 a 19:00 horas, de luns a venres, e sábados de 11:00 a 13:30 horas. En Combarro, as dependencias están operativas de martes a sábado, de 9:30 a 20.30 horas e os domingos entre as 11:00 e as 13.30 horas, pechando os domingos pola tarde e os luns.

Cochón recoñeceu a colaboración de institucións como a Deputación, pero tamén o traballo que realizan todos os departamentos municipais para facer de Poio un dos concellos máis atractivos para os visitantes, como o despregamento dos socorristas nas praias con bandeira azul, a limpeza e posta a punto de cada recuncho do Concello, o reforzo na seguridade, a ampliación do aparcamento, ou a gran oferta cultural, deportiva ou de eventos: “Temos todo a punto para ofrecerlles aos que nos visitan as mellores experiencias nun destino único e de calidade: un verán en Poio”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio