Poio recoñece a Carmen Pazos, Carmen Soto, Susa Vicente, Rosalina Gómez e Magdalena Rosales polo 8M

07/02/2026

O acto, que se celebra o venres 6 de marzo, inclúese dentro da programación que está elaborando o Concello de Poio para conmemorar o Día da Muller.

Carmen Pazos García (San Salvador), Carmen Soto Buceta (San Xoán), Susa Vicente Pérez (Combarro), Rosalina Gómez Pereira (Samieira) e Magdalena Rosales Pazos (Raxó) son as cinco mulleres referentes ás que o Concello de Poio homenaxeará este ano polo 8M, unha representante de cada parroquia que destaca pola súa traxectoria persoal, social ou laboral e que son exemplo da participación da muller na sociedade.

A concelleira de Igualdade e Benestar, Natividad Torres, subliña que “estas cinco mulleres representan o compromiso silencioso e constante de tantas veciñas que contribuíron, desde ámbitos moi distintos, a construír unha sociedade máis xusta e igualitaria en Poio”, e destaca a importancia de poñer en valor “referentes próximos, vencellados ás nosas parroquias”.

A elección foi realizada polo Consello Municipal da Muller, órgano no que están representados os grupos da corporación municipal e distintos colectivos sociais do municipio. No caso de Carmen Pazos García valorouse especialmente o seu papel como muller forte e decidida, cunha ampla traxectoria no ámbito do asociacionismo veciñal. Actualmente preside a asociación de veciños do Bao, desde onde leva anos dinamizando unha zona complexa e impulsando a participación activa da veciñanza.

Carmen Soto Buceta, natural de San Xoán, medrou rodeada do ambiente rural da época, marcado polo intenso traballo no campo e as poucas oportunidades educativas. Aínda que o seu soño era ser costureira, as necesidades do fogar levárona a axudar desde nova nas tarefas da casa. Co paso dos anos abriu a súa propia taberna, A Caraina, que se converteu tamén na tenda de ultramarinos de referencia para moitos veciños e veciñas, aos que sempre estivo disposta a botar unha man. Un exemplo de muller traballadora, solidaria e comprometida.

Pola súa banda, Susa Vicente Pérez, nada en Combarro, é a redeira máis antiga de Poio e un exemplo de muller loitadora e traballadora. Ao longo da súa vida compaxinou o oficio de redeira co de mariscadora, transmitindo este saber artesanal ás xeracións máis novas. Muller de emigrante, enviuvou con só 50 anos, asumindo en solitario a responsabilidade de sacar adiante a súa familia, compaxinando a crianza cos traballos da casa, do campo e do mar, sempre con forza e coraxe fronte ás adversidades.

No caso de Rosalina Gómez Pereira, recoñécese a súa traxectoria profesional como celadora e, especialmente, o seu compromiso social tras a súa xubilación, participando de maneira activa, altruísta e continuada en múltiples iniciativas e eventos solidarios organizados polo Concello de Poio.

Por último, o Consello Municipal da Muller puxo en valor a traxectoria de Magdalena Rosales Pazos, veciña de Raxó, cunha longa vida laboral vencellada ao mar. Traballou nas bateas, nunha fábrica e como peixeira, percorrendo durante anos as rúas do municipio e sendo un exemplo do traballo duro e da economía local tradicional.

A homenaxe a estas cinco veciñas terá lugar o venres 6 de marzo no Pazo de Besada e forma parte da programación que o Concello de Poio está a elaborar para conmemorar o Día Internacional da Muller. Segundo avanzou a concelleira, esta programación estenderase ao longo de todo o mes de marzo e incluirá, como en edicións anteriores, actividades específicas nos centros educativos do municipio.

“O 8M non é só unha data simbólica, senón unha oportunidade para reflexionar e seguir traballando durante todo o ano, especialmente a través da educación, que é clave para avanzar cara a unha igualdade real e efectiva”, conclúe Natividad Torres.

O Consello Municipal da Muller está presidido pola concelleira de Igualdade e Benestar e conta coa participación de representantes dos tres grupos da corporación municipal, así como dos colectivos Asociación de Mulleres Airiños do Mar, Mulleres do Mar, Mulleres Progresistas, Mulleres Rurais Santa Trahamunda, Mulleres en Igualdade, Arela, e das asociacións veciñais de Raxó, Campelo, Bao e Lourido.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio