Poio recibe a máis de 13 mil persoas grazas aos eventos celebrados esta fin de semana

13/05/2024

“O lecer, a cultura, o deporte son unha oportunidade para promocionar o noso concello pero, sobre todo, tamén son crecemento económico. Esta fin de semana as rúas estaban cheas de persoas que consumen no noso municipio, que enchen restaurantes, cafeterías, comercios e hoteis”, sinala Ángel Moldes.

Os eventos organizados en Poio esta fin de semana atrouxeron a máis de 13 mil persoas ata o concello. Entre o venres e hoxe, domingo, veciñanza e visitantes puideron gozar de eventos lúdicos e deportivos, como a décima edición do Día de Colón en Combarro, a fase de ascenso de Balonmán a 1ª Nacional, o Maratón de Fátima ou a Concentración de Escolas de Rugby de toda Galicia.

“Unha fin de semana máis, e fóra da tempada de verán, conseguimos atraer ata o noso concello a milleiros de persoas para participar nalgunha das actividades que se organizaron. Maiores, nenos, mozos, familias enteiras… achegáronse ata Combarro, San Xoán ou Campelo para disfrutar dunha programación que está conseguindo dinamizar a actividade do noso concello. O lecer, a cultura, o deporte son unha oportunidade para promocionar o noso concello pero, sobre todo, tamén son crecemento económico. Esta fin de semana as rúas estaban cheas de persoas que consumen no noso municipio, que enchen restaurantes, cafeterías, comercios e hoteis que, nalgúns casos, colgaron o cartel de completos”, sinala o alcalde, Ángel Moldes.

Deste xeito, sinala están traballando para ofrecer unha oferta de actividades ampla e variada, para todos os gustos e todas as idades e que, esta fin de semana, volveu situar a Poio como referente. “Proxectamos unha imaxe de Poio única, converténdoo nun concello atractivo e dinámico, ofrecendo eventos de calidade fóra da tempada estival, algo fundamental para o desenvolvemento socioeconómico do noso municipio”, engade o alcalde.

Nesta liña, asegura que todas as actividades foron un éxito de participación pero tamén de organización. “Os meus parabéns a todas as persoas que fixeron posible cada un destes eventos, desde colaboradores, colectivos, entidades organizadoras, Policía Local, Protección Civil, Garda Civil… “Poio foi un concello dinámico, atractivo pero tamén seguro, sen ningún incidente”, engadiu.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio