Poio reafirma o seu compromiso coa lingua e cultura galegas durante os actos de celebración do 17 de maio

20/05/2024

Entregáronse os premios da XXXII edición do Concurso literario Xaime Illa Couto, en colaboración coa SCD Raxó.

O Concello de Poio reafirmou hoxe, durante os actos programados para celebrar o 17 de maio e recordar a figura de Luisa Villalta, o seu compromiso coa lingua e cultura galegas. O alcalde, Ángel Moldes, asegurou que “creo que non me equivoco ao dicir que todos compartimos o noso orgullo e o noso sentimento pola nosa lingua. Hoxe é un día para reafirmar o noso compromiso para preservar e difundir a cultura galega como parte da nosa identidade”.

No acto, que se desenvolveu no Centro Cultural Xaime Illa, fíxose entrega dos premios da XXXII edición do Concurso Literario que leva o mesmo nome, impulsado pola SCD Raxó, e contaron coa participación do xornalista e escritor Ramón Rozas, que conversou coa concelleira de Cultura, Natalia Sabarís, sobre a súa experiencia no proceso de escritura e da súa traxectoria profesional, pero tamén puxo en valor as figuras referentes de Luisa Villalta e de Xaime Illa.

Moldes sinalou que “a celebración das Letras Galegas é unha oportunidade para poñer o foco na nosa cultura, nas nosas letras, para enxalzar todas e cada unha das persoas que coa súa obra, como Luisa ou Xaime, contribuíron de xeito importante a construír Galicia”.

PREMIADOS DO CONCURSO

O xurado encargado de analizar e valorar as obras presentadas premiou, na categoría A, de 6 a 8 anos, a Balma Rodríguez Salgueiro na modalidade de poesía, e Pablo Calvo Rodríguez en relato ou conto. Na categoría B, de 9 a 11 anos, os traballos premiados foron os de Nadir Arís Casas, en poesía, e Ramón Arís Iglesias, en relato ou conto. A poesía de Samuel Cochón Alonso e o relato ou conto de Mateo Luis Millán Fernández foron os seleccionados da categoría C, de 12 a 13 anos. Na categoría D, 14 e 15 anos, Rubén Rodríguez Torres gañou na modalidade de poesía e Lucas Alfonso Alfonso, en relato ou conto. Quedaron desertos as dúas modalidades na categoría E, de 16 e 17 anos. E, por último, na categoría F, maiores de 18 anos, os premiados foron Soledad García, de Nigrán -o resto de premiados son todos de Poio-, en Poesía e Sandra Fernández Prado en relato ou conto.

Na XXXII edición do concurso participaron máis de cen persoas de toda Galicia e, incluso, houbo algún traballo chegado desde Arxentina. Tanto o xurado como a organización do concurso salientaron a grande calidade das creacións literarias.

RESTO DA PROGRAMACIÓN

Mañá sábado 18, a programación das Letras Galegas continúa no centro cultural con dúas representacións teatrais. A primeira, ás 17.30 horas, “Iguais e diferentes”, a cargo de Expresións Producións e que está dirixida para o público familiar. E xa ás 20.30 horas, será a quenda de “Running”, de STE Xeito Producións e dirixida a público adulto. Nos dous casos a entrada é de balde ata completar aforo.

Tamén no Xaime Illa se pode visitar, ata o 31 de maio, a exposición “Raíz e Utopía de Galicia”, que afonda na súa traxectoria para repensar, proxectar e facer Galicia.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio