Poio, primeiro concello do país en celebrar a Copa de España Kukkiwon

29/09/2025

Organizado pola Federación Española de Taekwondo, coa colaboración da Kukkiwon en Corea e España e a Federación Galega de Taekwondo, reunirá mañá na Seca a preto de 600 deportistas de diferentes puntos da xeografía española.

Poio acolle mañá, sábado 27, a celebración da Copa de España de Kukkiwon, na que participarán preto de 600 deportistas chegados desde diferentes puntos da xeografía española. Convértese así na primeira sede dun evento organizado pola Federación Española de Taekwondo , coa colaboración da Kukkiwon en Corea e España e a Federación Galega de Taekwondo, así como o Club Mace Sport, a Xunta de Galicia, a Deputación de Pontevedra e o Concello de Poio.

O alcalde Ángel Moldes e o concelleiro de Deportes, Cándido Muiños, participaron esta mañá na presentación, na que o rexedor asegurou que “desde o Concello de Poio estamos facendo unha importante aposta na promoción e apoio ao deporte. Estámonos consolidando como un referente na organización de eventos deportivos de primeiro nivel”. Así, durante a súa intervención recordou que “comezamos este ano 2025 coa organización da Gala de premios da Federación galega de Automobilismo; estivemos na mirada de todo o mundo con esa etapa histórica de La Vuelta desde Poio, e agora damos continuidade converténdonos na primeira sede deste campionato nacional”. Uns eventos que, como sinalou, “ofrecen unha dobre oportunidade: por unha banda, no eido deportivo, pero tamén cun impacto moi relevante no impulso socioeconómico local, ao atraer visitantes e dinamizar a economía”.

Nesta liña, salientou que “en Poio temos unha fonda afección polo deporte, en todas as súas modalidades e disciplinas, e por iso queremos animar a toda a veciñanza a achegarse e gozar desta cita, que será sen dúbida unha xornada única e de moita emoción”.

A Copa de España de Kukkiwon comezará ás 9.00 horas no Pavillón da Seca, en Poio. Arrincará coa competición técnica (adultos e idade escolar) ata as 14.00 horas. A previsión é que a entrega de trofeos sexa a partir das 12.00 horas.

Xa pola tarde, celebraranse a competición de freestyle (de 16.00 horas) e os rompementos (a partir das 18.00 horas). Esta puntuación, que puntuará para o ránking galego, será a primeira que se celebra en Galicia tras o parón do verán.

Ademais, tamén se celebrará a Copa de España de Exhibición (a partir das 17.00 horas), modalidade na que os clubs galegos sempre brillan.

A entrada para disfrutar das competicións é gratuíta.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio