Poio presenta un plan de 3,4M€ para A Caeira-Boavista e saldar unha débeda histórica coa zona

05/03/2026

Ángel Moldes: «Este Goberno chega a esta reunión con proxectos que xa contan con financiamento, cun cronograma pechado e cun obxectivo claro: converter as promesas en feitos”.

O alcalde de Poio, Ángel Moldes, presentou esta tarde á veciñanza o Plan A Caeira-Boavista, que inclúe 3,4M€ en proxectos para mellorar a mobilidade, a seguridade e os servizos e “saldar unha débeda histórica de investimentos con esta zona”.

Nun encontro nas instalacións do Liceo Casino, Moldes recordou que “é importante modernizar servizos básicos nesta zona, solucionar as graves deficiencias no subministro de auga, dar resposta aos espazos públicos deteriorados así como aos problemas de accesibilidade”. Por iso, engadiu, “o Goberno chega a esta reunión con proxectos que xa contan con financiamento, cun cronograma pechado e cun obxectivo claro: converter as promesas en feitos”.

Neste Plan inclúese o proxecto para mellorar a contorna das rúas Río Sil, Río Umia e Río Oitavén, cun orzamento de preto de 800.000 euros, e que inclúe a reurbanización e mellora do vial, renovando o firme e reorganizando o espazo público. A maiores, mellorarase a accesibilidade, eliminando barreiras e creando unha plataforma única, así como as infraestruturas, con nova drenaxe, canalizacións soterradas e renovación do alumeado. O proxecto contempla tamén a creación dunha conexión peonil entre as rúas Río Sil e Río Tambre, acondicionando a corredoira con firme e escaleiras. Rehabilitarase ademais un espazo deportivo e infantil, converténdoo nun punto de encontro interxeracional con campo multideportivo, zona de xogos e bancada.

A mellora de servizos nas rúas San Antoniño, Río Miño, Illa de Ons e Illa de Tambo, con tres proxectos que ascenden a 2,5M€, inclúe saneamento, abastecemento, pluviais e reposición do firme. Son tres dos proxectos de obrigado cumprimentos incluídos no novo Contrato de Auga de Poio, aprobados en febreiro de 2025 e que se executarán nos dous primeiros anos de vixencia do contrato.

Tamén se contemplan neste plan A Caeira-Boavista a reordenación das prazas de estacionamento en Illa de Ons, co obxectivo de evitar problemas de acceso e visibilidade na entrada e saída aos garaxes.

A mellora das redes de saneamento e pluviais en San Simón, a través do convenio con Zoe Home e o Club de Tenis, permitiu instalar novos pozos de bombeo e trazado para as redes de pluviais e saneamento. Parte das tubaxes pasaban por instalacións privadas e parcelas onde se construíron edificios, o que impedía acceder para facer reparacións.

A maiores, Moldes recordou que unha vez remate o desvío temporal pola Caeira e Boavista provocado polas obras na PO-308, o Concello de Poio reporá todo o firme deteriorado. Ademais, engadiu que este desvío temporal vén a confirmar que o plan do anterior Goberno para implantar o sentido único na Barca é “totalmente inviable”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio