Poio contará en 2026 cun orzamento que blinda os servizos sociais, aposta por proxectos transformadores e alivia a presión fiscal sobre as familias

12/12/2025

Supera os 16M€, converténdose nun dos orzamentos máis altos dos últimos anos a pesar de que a baixada do IBI supón reducir case 250.000 euros de ingresos. “É un documento centrado nas persoas, para seguir facendo de Poio un lugar mellor para vivir, con máis oportunidades e servizos de calidade”, destaca Ángel Moldes.

O Concello de Poio presenta para o ano 2026 un orzamento de 16,05 millóns de euros, un documento que blinda o servizos sociais e o funcionamento de programas municipais, aposta por proxectos transformadores e alivia a presión fiscal sobre as familias.

Este é un dos documentos máis altos das últimas décadas, un incremento que se consegue a pesar da rebaixa do Imposto de Bens Inmobles, unha medida que vai reducir os ingresos municipais en preto de 250.000 euros, pero que vai supor un alivio directo e moi importante para os fogares.

“É un documento elaborado a partir das necesidades reais do municipio, que dá resposta a inquendanzas e demandas da cidadanía, para continuar avanzando cara un concello con mais futuro e oportunidades”, destaca o alcalde, Ángel Moldes.

O proxecto cumpre cos principios de estabilidade e equilibrio e constrúese sobre criterios de prudencia financeira, baseados na recadación do exercicio presente. Trátase dun orzamento serio, responsable e planificado, propio dun Goberno único centrado en mellorar a calidade de vida da súa veciñanza e en impulsar investimentos que transformen Poio.

FORTE APOSTA POLOS SERVIZOS SOCIAIS E POLOS PROXECTOS ESTRATÉXICOS

Por áreas, Benestar Social ascende a 1,6M€, entre os que se inclúen as axudas de emerxencia social, a atención ás persoas dependentes, asistencia social, axuda no fogar, Educación Familiar, Centro de Información á Muller, Atención Temperá, Emerxencia Social… Para cultura, educación e festexos, destínanse 1,4M€ para a programación anual do Concello de Poio, o mantemento dos centros de ensino e das instalacións municipais, axudas para os comedores, plan músico cultural, a organización de eventos lúdicos e festas, entre outros. Deportes conta con 720.500€, nos que se continúa apostando polo deporte base, o mantemento das instalacións, organización de eventos deportivos… Mantéñense tamén as axudas e subvencións a entidades, clubs e colectivos sociais, educativos, deportivos, culturais, veciñais… para organización e desenvolvemento de actividades ao longo do ano, que se outorgan tanto por concorrencia competitiva como de xeito directo e que “amosan o apoio deste Goberno a todo o tecido asociativo do concello, fomentando a igualdade, equidade e participación”.

No caso de Medio Ambiente, o orzamento inclúe unha partida de 550.000€; para obras, servizos e urbanismo, reservan 5,8M€; e para seguridade, superan os 900.000 euros. O gasto corrente e o persoal manteñen practicamente o mesmo nivel de investimento que no exercicio anterior (7,8M€ e 4,9M€), para garantir así a prestación e a calidade de todos os servizos públicos municipais.

INVESTIMENTOS PARA SEGUIR TRANSFORMANDO POIO

O capítulo de investimentos (VI) increméntase ata os 1,5 millóns de euros con fondos propios, aos que se sumarán importantes achegas doutras administracións, proxectos xa comprometidos e asegurados, como a Xunta de Galicia e a Deputación de Pontevedra. Estes fondos externos permitirán impulsar actuacións clave en 2026 que non figuran directamente no documento, como a construción dunha senda peonil na PO-303 en Samieira, melloras no Porto de Combarro, o Polígono Industrial de Fragamoreira, melloras nos centros educativos e investimentos dos plans +Provincia, Plan Extra ou de Infraestruturas Deportivas da Deputación de Pontevedra.

Con todo, entre os proxectos incluídos no orzamento para executar con financiamente municipal destacan a reforma da pista deportiva de Monte Baldío, en Raxó, así como a reposición do firme e mellora do camiño Pedaporta, en Combarro. Ambas actuacións financiaranse cunha operación de crédito por importe de 823.467,44 euros. Tamén se contempla a aportación municipal dos convenios coa Xunta relativos ao novo bombeo e depósito de retención na Seca e á anualidade 2026 da reurbanización da PO-308. A maiores, o orzamento aumenta en 224.000 euros o plan de desbroces municipais por todas as parroquias, que en 2026 chegará aos 572.000 euros.

ALIVIO FISCAL E RIGOR NA XESTIÓN ECONÓMICA

A baixada do IBI do 0,47 ao 0,43, aprobada o pasado ano, permitirá devolver ás familias preto de 250.000 euros anuais. O resto de impostos e taxas tamén se conxelan, incluídos os vados e o imposto de circulación, que xa foran rebaixados en 2023.

A política fiscal responsable complétase cunha redución da débeda viva municipal do 40% desde 2023, pasando de 8 millóns a 4,8 millóns. Isto permitirá ao Concello de Poio aforrar 228.000 euros en xuros en 2026, pagando un 61% menos que no exercicio anterior.

Para a elaboración deste proxecto, Moldes recorda que o Goberno local contou coa participación da veciñanza, tanto a través do Consello de Participación Veciñal como mediante o programa “O alcalde máis preto de ti”, que recolleu propostas en todas as parroquias.

Por último, conclúe que o orzamento para 2026 é unha ferramenta realista, equilibrada e enfocada en maximizar os recursos dispoñibles para continuar transformando Poio, impulsando investimentos estratéxicos en infraestruturas, equipamentos e espazos que melloran a vida da súa cidadanía e fortalecer a confianza nos servizos públicos: “É un documento centrado nas persoas, para seguir facendo de Poio un lugar mellor para vivir, con máis oportunidades e servizos de calidade”.

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio