Poio prepárase para unha das edicións máis participativas da Festa dos Maios

29/04/2025

Celébrase este xoves na Praza do Mosteiro, a partir das 11.00 horas e están inscritos catorce participantes nunha edición que renderá homenaxe a Tucho Buceta, veciño de Liñares, pola súa contribución, nas últimas décadas a recuperar, difundir, conservar e expandir esta tradición dentro e fóra do municipio.

Poio prepárase para celebrar unha das edicións máis participativas da Festa dos Maios, este xoves día 1, e que contará con un total de catorce creacións. O alcalde, Ángel Moldes, e a concelleira de Cultura e Educación, Natalia Sabarís, presentaron esta mañá o programa da festa, acompañados por representantes de algúns dos colectivos inscritos, entre os que se atopan ADCM Armadiña, AAVV Boureante, ACVD Os Laretas, Vilariño, Marepodium, grupo de familias do colexio Isidora Riestra, ACV Ronsel e Maio Maiolo.

“A Festa dos Maios é unha das celebracións populares con máis arraigo en Poio, de feito nos últimos anos a participación continúa en aumento, e nelas involúcranse persoas de todo o municipio e, o máis importante, de todas as idades o que nos indica que esta tradición tan importante para o noso concello continúa, afortunadamente, moi viva”, salientou Moldes.

A Praza do Mosteiro encherase de cor, vexetación, música e moita sátira o xoves a partir das 11.00 horas para celebrar esta festa tradicional e dar a benvida á primavera, e xa pola tarde os maios trasladaranse a Combarro, ás 17.00 horas, para participar na mostra organizada polo Ateneo Corredoira na Praza da Chousa.

Esta edición servirá, ademais, para homenaxear a Antonio Buceta González “Tucho”, veciño de Liñares, unha decisión que foi unánime entre o Concello de Poio e os colectivos. Deste xeito, poñerán en valor a súa contribución, nas últimas décadas a recuperar, difundir, conservar e expandir a tradición dos maios dentro e fóra do municipio. Tucho foi unha das persoas que impulsaron a recuperación desta tradición en Poio a principio dos anos 80, e ademais colaborou con diferentes colectivos do municipio, apostando sempre pola calidade das letras das coplas e respectando as características e composicións tradicionais dos maios. A súa paixón polos maios traspasou fronteiras, e durante os anos que emigrou a Suíza, aínda que facía escapadas co seu fillo para participar nos Maios de Poio, tamén continuou neste país coa súa paixón por esta festa tradicional.

O Concello de Poio repartirá preto de 5.500 euros en premios. Haberá tres premios na categoría mellor conxunto (220, 180 e 150 euros, respectivamente), e mellor maio, mellores coplas, mellor coroa, e mellor barco galego tradicional. Nestes catro grupos os premios serán de 150, 120 e 100 euros, respectivamente. Este ano, como novidade, amplíanse a cinco os premios na mellor actuación e, ademais dos primeiros tres clasificados, tamén se incluirán 4º premio (80 euros) e 5º premio (50 euros). A maiores, polo mero feito de participar, cada maio recibirá 200 euros e dúas roscas.

Durante a deliberación do xurado, inclúese a actuación musical de Vides Novas. Precisamente, no xurado tamén hai novidades con respecto ás edicións pasadas, así ademais dos membros da Comisión informativa de Educación, Cultura e Deportes do Concello de Poio, nesta ocasión tamén formará parte da valoración e puntuación unha persoa con grande vinculación e coñecemento dos maios

OUTRAS NOTICIAS

Scroll al inicio